A través dun curso virtual, podcasts e un seminario
Un equipo da UVigo participa nun proxecto que ten como obxectivo achegar o románico galego á cidadanía
Promovido pola Fundación Santa María la Real e apoiado por Redeia e a Consellería de Cultura
Un equipo da Universidade de Vigo formado por Victoriano Nodar e Diego Fernández está a participar no proxecto Redescubre o Románico de Galicia, promovido pola Fundación Santa María la Real e apoiado por Redeia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é achegar o románico galego á cidadanía a través de “formatos dixitais e presenciais innovadores”, concretamente un curso online, podcasts, o acceso en liña á Enciclopedia del Románico e un seminario presencial que terá lugar a vindeira semana.
Por parte da UVigo participan desde a Facultade de Historia do campus de Ourense Victoriano Nodar, profesor de Historia da Arte Medieval, e Diego Fernández, investigador predoutoral do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural. O seu traballo céntrase na xeración do contido para o curso virtual (chamado Mooc Redescubre o Románico de Galicia), concretamente a investigación, documentación e a preparación do discurso e as presentacións para cada vídeo do curso. A súa participación faise a través dun contrato de i+D entre a UVigo e a Fundación Santa María la Real. Ademais, os dous participan como relatores no seminario do proxecto e colaboran na súa organización.
Curso virtual
O Mooc Redescubre o Románico de Galicia, no que colabora a Fundación Catedral de Santiago e a rede de museos Compostela Sacra, busca comunicar a través dunha serie de vídeos as principais características e particularidades deste estilo en Galicia. Trátase dunha formación online aberta e gratuíta, dispoñible a partir do 20 de maio na web do proxecto, que percorre a evolución e as principais claves do románico en Galicia. Está dirixido ao público xeral, estudantado e persoas interesadas no patrimonio cultural galego e en comprender mellor a súa historia e singularidade. O curso está organizado en tres grandes bloques temáticos. O primeiro está dedicado ao románico compostelán e céntrase principalmente na construción da catedral de Santiago de Compostela, desde as súas orixes ata a finalización do proxecto polos talleres do Mestre Mateo. Complétase este apartado con vídeos dedicados a outras materias como a primeira escultura románica en Galicia, o enxoval litúrxico ou a iluminación de manuscritos.
O segundo bloque, Románico e Mosteiros, busca trazar unha evolución tipolóxica dos distintos tipos de edificios monásticos que se poden atopar en Galicia, desde os exemplos máis temperáns a fábricas propias do románico final. Así mesmo, inclúense vídeos dedicados á iconografía deste tipo de edificios relixiosos. O último apartado, con nome Arte 1200, busca pechar este percorrido polo románico de Galicia co momento estilístico que marca o seu fin e último gran momento de esplendor. Nel explóranse tendencias como a mateana ou a hispano-borgoñona e a súa difusión por Galicia nun momento máximo do proceso de expansión do románico. Este bloque está marcado, por outra banda, pola figura da catedral de Ourense “como edificio que encarna á perfección a encrucillada de estilos da arte 1200 en Galicia”.
Seminario presencial en Santiago e Ourense
No marco do proxecto tamén terá lugar en Santiago de Compostela e Ourense, os días 20 e 21 de maio, o Seminario Redescubre o Románico de Galicia. A actividade inclúe conferencias a cargo de especialistas en arte, historia e patrimonio medieval e visitas guiadas centradas nalgúns dos principais referentes do románico galego. A primeira xornada terá lugar o mércores, 20 de maio, en San Martín Pinario, en Santiago de Compostela. O programa contará coa participación de Ramón Yzquierdo, do Museo Catedral de Santiago, que abordará a figura do Mestre Mateo como grande artista da catedral compostelá. Tamén intervirá Victoriano Nodar, da Universidade de Vigo, cunha conferencia sobre a construción e decoración do priorado de Santa María de Sar entre os séculos XII e XIII.
A programación continuará o xoves, 21 de maio, cunha visita guiada dirixida por Victoriano Nodar á colexiata de Santa María de Sar. Ese mesmo día, pola tarde, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, situado no antigo convento de San Francisco, acollerá unha segunda rolda de relatorios do seminario, centrada na Ribeira Sacra e a expansión do románico neste territorio. A sesión contará con Francisco Javier Pérez, da Universidade de Vigo, que analizará a expansión do monacato na Ribeira Sacra, e José Carlos Valle, da Real Academia Galega de Belas Artes, que profundará na difusión do románico nesta zona.
