DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos a toda a cidadanía, a inscrición pode realizarse ata o 26 de febreiro

Escalada e arte 3D súmanse á programación de obradoiros do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cursos
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/02/2026

Escalada en rocha e iniciación á arte 3D súmanse á programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este segundo cuadrimestre. Ata o vindeiro xoves 26 de febreiro pode realizarse a inscrición nestes dous cursos, dirixidos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía. Aberto a un máximo de 15 participantes, o taller de introdución á arte 3D co software libre Blender desenvolveranse entre marzo e xuño na Casa das Campás, mentres que o curso de escalada, que conta con dez prazas, terá lugar do 24 ao 26 de abril no monte do Galiñeiro, en Gondomar, e na zona de Loira, en Marín.

A matrícula nestes dous obradoiros pode realizarse na plataforma Campus Activo e ten un custo de 26,65 euros para membros da comunidade universitaria, 32,80 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 41 para o público xeral. Estas dúas propostas súmanse á programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría para este cuadrimestre, que abrangue un total de sete obradoiros, tras a cancelación de dous dos cursos inicialmente propostos por non acadar a matrícula mínima requirida. Isto levou á apertura dun novo prazo de inscrición, ata o vindeiro xoves, para estes dous obradoiros incluídos na lista de agarda fixada na resolución definitiva de concesión. 

De marzo a xuño

Para o vindeiro luns 2 de marzo está previsto o inicio de Introdución á arte 3D con Blender, un taller de 28 horas que desenvolverá as súas sesións, ata o mes de xuño, no Crea Lab da Vicerreitoría. Dirixido polo investigador predoutoral Alberto Abal, ten como obxectivo amosar ao alumnado “o potencial creativo da arte 3D, proporcionando unha primeira aproximación ás ferramentas e técnicas que supoñen o estándar nas industrias creativas”. Dando continuidade ao taller de iniciación á arte 3D para animación, videoxogos e ilustración impartido o pasado curso, este obradoiro permitirá ao alumnado adquirir “competencias básicas no uso do software libre Blender para modelado, esculpido, texturizado e renderizado”, dotándose dunha “base sólida” para “dar os seus primeiros pasos como artista 3D”. 

Xa no mes de abril, entre o venres 24 e o domingo 26 desenvolverase a terceira edición de Escalada en rocha, un curso de 21 horas que ten como requisito ter realizado previamente un curso de iniciación á escalada. Dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez, este obradoiro busca ofrecer unha “introdución sólida”, sinalan os seus responsables, á escalada deportiva en rocha, abordando a súa historia, o uso de material de seguridade e os distintos tipos de ancoraxes. Coa participación como docente do técnico deportivo en escalada e guía de montaña José Juan Domínguez, abrangue contidos sobre técnica xestual básica, técnicas de aseguramento, progresión do escalador ou manobras como o descolgue ou o abandono en parede. Tamén aborda a planificación do itinerario e gradación das vías, a comunicación entre compañeiros e os protocolos de control, así como a conservación dos espazos naturais.