DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e Día da Cosmonáutica

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convoca o concurso de fotografía AeroVision 2023

Aberto á participación das persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 08/03/2023

O día 12 de abril é o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica. Co gallo desta efeméride, na que se conmemora o comezo da era espacial, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convoca o concurso de fotografía AeroVision 2023, no que se premiarán as mellores imaxes do ámbito aeronáutico e aeroespacial.

A iniciativa, indican desde a súa organización, ten como obxectivo recoñecer e difundir o papel da ciencia e a tecnoloxía espacial no desenvolvemento da sociedade. As imaxes a presentar teñen que ser orixinais e deberán amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou aeroespacial. Poden presentarse obras en branco e negro e en cor, realizadas mediante calquera técnica fotográfica. Admitirase unha obra orixinal por autora ou autor, tendo que ser esta orixinal e inédita e non ter sido presentada con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso. As fotografías poderanse enviar por correo electrónico (en formato JPEG; o tamaño máximo do arquivo non debe superar, en ningún caso, os 5MB de peso e deberán ter unha resolución mínima de 200 ppp) ou a través dun programa de transferencia de arquivos. 

Un dron, un telescopio e uns prismáticos

As obras gañadoras serán elixidas por un xurado formado por representantes do sector aeronáutico e/ou aeroespacial e da fotografía e unha persoa do equipo directivo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense. As fotografías gañadoras exporanse temporalmente en instalacións do campus de Ourense xunto coas do resto de participantes. En caso de existir un número de fotografías tan elevado que non permitise a súa completa exposición por motivos de espazo, o xurado do concurso sería o encargado de seleccionar un número apropiado para ese efecto. A entrega de premios e o acto de inauguración da exposición temporal das fotografías terá lugar o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica, o 12 de abril de 2023.

Os premios do concurso son tres. O primeiro premio estará dotado cun dron, o segundo cun telescopio e o terceiro cuns prismáticos. As fotografías presentadas ao concurso pasarán a ser propiedade exclusiva da escola organizadora, non podendo ser utilizadas polo autor ou autora noutros concursos ou publicacións e podendo a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo facer o uso que considere oportuno das mesmas, facendo referencia á súa autoría. A data límite de recepción de fotos, cuxo envío se realizará vía electrónica coas características indicadas pola organización nas bases do certame, é o 26 de marzo.