AeroVision está aberto á participación das persoas interesadas
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convoca unha nova edición do seu concurso de fotografía
O prazo de presentación de propostas remata o 20 de marzo
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convoca unha nova edición do seu concurso de fotografía, chamado AeroVision. Aberto ás persoas interesadas, nel convídase a presentar imaxes do ámbito aeronáutico e/ou espacial.
As imaxes, recóllese nas bases do certame, deben ser orixinais e deberán amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou espacial. Poden presentarse obras en branco e negro ou a cor, realizadas mediante calquera técnica fotográfica, admitíndose un máximo dunha obra orixinal por persoa. As propostas teñen que ser orixinais e inéditas e non terse presentando con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso.
As propostas poden enviarse por correo electrónico a aerovision@uvigo.es ou a través dun programa de transferencia de arquivos a aerovision@uvigo.es. Deberán presentarse en formato jpeg, cun tamaño máximo de arquivo que non debe superar en ningún caso os 5MB de peso e cunha resolución mínima de 200 ppp. No correo electrónico incluirase unha descrición en cinco liñas da fotografía con adecuación á temática do concurso. A data límite de recepción de fotos é o 20 de marzo ás 23.59 h.
Tres premios
As obras gañadoras serán elixidas por un xurado formado por unha persoa representante do sector aeronáutico e/ou espacial, outra do eido da fotografía e un membro do equipo directivo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Concederase un primeiro premio (un dron); un segundo (un telescopio) e un terceiro (uns prismáticos). O Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica, o 12 de abril, darase a coñecer a resolución do certame e realizarase unha exposición temporal das fotografías galardoadas no campus de Ourense.