As solicitudes poden presentarse ata o 31 de marzo
A escola infantil do campus oferta 41 prazas para o vindeiro curso académico
O centro forma parte do programa de gratuidade da Xunta de Galicia
A Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense ten aberto o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas para o curso 2025-2026. As solicitudes poderán presentarse ata o día 31 de marzo a través da sede electrónica da Universidade de Vigo. O centro forma parte do programa de gratuidade no primeiro ciclo de educación infantil da Xunta de Galicia.
As 41 prazas convocadas distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenas e nenos de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres anos. Son requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro que a ou o menor estea nado no momento da presentación da solicitude e que non teña cumpridos os tres anos de idade a 31 de decembro de 2025.
Criterios de adxudicación
A adxudicación de prazas farase seguindo, por orde, os seguintes criterios preferentes: nenas e nenos xa escolarizados no centro no curso 2024/25; fillas e fillos de persoal que presta servizo na propia escola infantil; menores con irmás ou irmáns con praza renovada; e nenas e nenos cuxas persoas proxenitoras, ou unha delas no caso de familias monoparentais, xustifiquen unha situación laboral de ocupación. En caso de empate, aplicaranse os criterios, por orde, de: solicitudes nas que cando menos algún dos proxenitores sexa membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo e a orde de presentación da solicitude, priorizando a xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes para media xornada.
Estes criterios corresponden ao establecido na disposición adicional primeira da Orde de 26 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da comunidade autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2024/25.
A efectos desta convocatoria, considéranse membros da comunidade universitaria o persoal docente e investigador, incluído o persoal contratado con cargo a proxectos ou convenios, o persoal técnico de xestión e administración e servizos, o estudantado matriculado en titulacións oficiais da Universidade de Vigo durante o curso académico 2024/25, o persoal da Fundación Universidade de Vigo e o profesorado e estudantado do Programa para Maiores da Universidade de Vigo durante o curso académico 2024/25. A condición de membro da comunidade universitaria debe manterse durante o curso 2025/26.
Inicio o 1 de setembro
Está previsto que o centro comece a súa actividade o vindeiro curso o 1 de setembro e funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo será de luns a venres, podendo escoller escolaridade completa, que é de 10.00 a 13.00 h e de 15.30 a 18.00 h; xornada de mañá, de 08.00 a 15.00 h; media xornada de mañá, de 09.00 a 13.00 h, ou media xornada de tarde, de 15.00 a 20.00 h. Ofrécese tamén a posibilidade de solicitar unha hora a maiores de acollida e/ou permanencia.