DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con arredor de 200 persoas participantes

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle este venres e sábado a cita coa tecnoloxía DevFest 2025

Organizada polos Grupos de Desenvolvedores de Google de Ourense e A Coruña e co apoio do GDG Spain

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 20/11/2025

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle este venres e sábado a DevFest 2025, unha cita que se presenta como “punto de encontro imprescindible para quen vive e goza da tecnoloxía”. A iniciativa está organizada polos  Grupos de Desenvolvedores de Google (GDG) de Ourense e A Coruña e co apoio do GDG Spain. Serán “dúas xornadas repletas de charlas, talleres e bo ambiente” nas que se falará, entre outros temas, de intelixencia artificial, desenvolvemento web, Android, Google Cloud, bioinformática e grandes modelos de linguaxe (LLMs). 

O evento, ao que están inscritas case 200 persoas, quere ser ademais un espazo na que as e os participantes poidan conectar con xente da comunidade tecnolóxica galega. “O DevFest é, sobre todo, unha oportunidade para aprender, compartir experiencias e descubrir novas formas de crear con tecnoloxía e en comunidade. Tanto se estás a empezar coma se xa levas anos no sector, aquí atoparás ideas, contactos e motivación para seguir medrando”, indican desde a organización da actividade. A iniciativa en Ourense forma parte da cita internacional e descentralizada DevFest, que se presenta como a “conferencia tecnolóxica anual máis grande do mundo” organizada polas comunidades de desenvolvedores de Google nas súas respectivas cidades. 

A programación do venres será en horario de tarde e contará con diferentes conferencias (entre elas unha sobre como sobrevivir a unha intelixencia artificial que intenta substituírte, a cargo de Brais Moure, enxeñeiro de software e divulgador) e intervencións e obradoiros de temas específicos de programación e bioinformática. Xa o sábado haberá toda un día de conferencias e talleres nos que se abordarán temas que abranguen desde aprender a dominar Gemini e a programación de LLMs ata a probabilidade na linguaxe da intelixencia artificial e o uso de Google Cloud e Firebase Studio. Para rematar o DevFest 2025 en Ourense terá lugar unha mesa redonda e un espazo aberto de diálogo.