DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actividade organizada pola Delegación de Alumnado no mes cultural de Santa Bárbara

O escritor e activista Carlos Taibo avoga polo decrecemento na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía

Defendeu a necesidade de “vivir mellor con menos”, mantendo unha relación moito máis equilibrada co

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 01/12/2021

O escritor, activista e profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidad Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, visitou este mércores a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía dentro das actividades organizadas pola Delegación de Alumnado con motivo da celebración da patroa da escola, Santa Bárbara. Na súa visita ao centro, Taibo, autor de máis de 30 libros, tanto en español como en galego, impartiu a charla Decrecemento e colapso,  un pequeno relatorio no que tivo a oportunidade de expor as liñas básicas da Teoría do Decrecemento, na que se se ofrece unha unha saída pensada á medida das persoas e o planeta á crise económica, ambiental, social e de valores.

Nun mundo no que os recursos son finitos e no que o crecemento da pegada ecolóxica está desbocado, Taibo, defensor e partidario dos movementos antiglobalización, salientou que a clave non está no crecemento económico tal e como o mide o Produto Interior Bruto, senón na moderación e a redistribución do consumo material e enerxético, por un lado, e do traballo polo outro, centrando o interese da sociedade en fomentar a calidade de vida, incluíndo, por exemplo, o tempo libre para gozar cos amigos ou coa familia. Trátase, ao seu xuízo, de “vivir mellor con menos”, tentando manter unha relación moito máis equilibrada co medio natural, para o que debemos ser capaces de redistribuír a riqueza.

Principios e valores do decrecemento

Seguindo as proclamas da Teoría do Decrecemento, sería básico reducir os niveis de produción e de consumo, ata chegar, segundo a súa opinión, “a niveis de consumo enerxético propios da década de 1980, non da Idade de Pedra”; recuperar a vida social que se foi perdendo “a medida que foi medrando a nosa obsesión pola produción e o consumo”; apostar por novas formas de ocio moito máis creativas,  por repartir o traballo, por restaurar a vida local fronte á lóxica desbocada da globalización e, en xeral, por asumir estratexias de sobriedade e sinxeleza voluntarias.

Con este escenario de fondo, canto máis medra a sociedade máis enerxía e máis produción precisa e, ante unha evidente falla de enerxía, a situación de colapso non semella afastada, se ben, desde o seu punto de vista, estaríase a tempo de activar o “freo da emerxencia”, asumindo que os países ricos do norte non poden seguir consumindo de maneira indiscriminada. Trataríase de apostar pola redistribución da riqueza para que os que están peor poidan saír adiante con certa dignidade.

Actividades toda a semana

As actividades relacionadas coa celebración da patroa da escola continuarán mañá xoves cunha pequena festa que terá lugar nunha carpa situada no aparcadoiro do edificio de Fundición, para a que xa se esgotaron as entradas –en cumprimento dos protocolos covid de capacidade e medidas de prevención-.

O broche final será o venres coa celebración da tradicional carreira popular. Cun percorrido total de cinco quilómetros, a cita será ás 12.00 horas nas pistas de atletismo do campus e, como é habitual, cada participante debe achegar un quilogramo dun alimento non perecedoiro que será doado ao Banco de Alimentos. As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través de Campus Activo.