DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe tomaron simbolicamente posesión nun acto de homenaxe celebrado no paraninfo

Esforzo, orgullo e ilusión: as claves coas que a UVigo suma 62 novas e novos catedráticos e titulares

As catedráticas (32) superan aos catedráticos (30), fronte aos 19 titulares homes e 13 mulleres

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/05/2026

“É un recoñecemento de moitos anos de traballo e esforzo. No meu caso no estranxeiro, porque estiven case 20 en universidades, tanto en Escocia como en Inglaterra e logo a decisión de volver aquí e comezar, nalgúns aspectos un pouquiño de cero”. Nestes termos valora Pablo Romero Fresco a súa recentemente estreada condición de catedrático, que este mércores lle foi recoñecida xunto a outras 29 catedráticas e catedráticos e a 32 docentes titulares, nun acto celebrado no paraninfo da UVigo. “Son moitas horas de esforzo de docencia a moitos estudantes de diferentes países, aos que ensinei de dos que aprendín moítisimo, moita enerxía despregada para comunicarlles o entusiasmo das cousas nas que creo respecto da tradución, a accesibilidade, a interpretación e logo tamén moitas horas dedicadas á investigación”, explica o catedrático de Tradución e Interpretación, que se ben recoñece a responsabilidade inherente ao cargo tamén di, “non deixo de pensar que a vida sigue igual. No currículo aparece a palabra catedrático, pero o luns anterior á cátedra es unha persoa e o luns despois de que cha dean es exactamente a mesma persoa”.

No caso de Laura Docío, asegura que detrás da consecución, no seu caso, da titularidade “hai moitos anos de esforzo, de incertezas e tamén de ilusión. É unha meta importante que logrei con moito esforzo pero a vivo desde un punto de vista moi diferente a como estaba antes”. Un proceso no que a docente de Teoría do Sinal e Comunicacións agradece e recoñece “ás persoas que me apoiaron, tanto no plano persoal como académico, porque unha carreira universitaria nunca a constrúe unha soa, sempre necesita dunha contorna que a favoreza”.

Anos de esforzo e traballo que hoxe culminaron nun acto de toma de posesión simbólico, no que o reitor en funcións, Manuel Reigosa, fíxolles entrega ás e aos novos catedráticos e titulares, acompañado pola vicerreitora en funcións de Profesorado, Adela Sánchez, da insignia da Universidade de Vigo e no que se referiu a elas e a eles como “os alicerces da institución” polo seu labor docente, investigador e de transferencia. Uns nomeamentos que Reigosa considera poden servir para “repensar o voso papel con xenerosidade” dentro da institución, que considera xoga un papel fundamental para “darlle na sociedade a cada un o que precisa”. O reitor que fixo referencia a “cantidade enorme de cousas que cómpre facer para acreditarse” expresou a súa “absoluta satisfacción porque aquela folla de ruta que deseñamos Manolo Ramos, máis eu, cumpriuse”. 

Máis catedráticas e máis titulares homes

Do total de 30 novas e novos catedráticos, 17 son mulleres e 13 hombres, que imparten docencia, investigan e transfiren en todos os ámbitos do coñecemento, destacando como a área con máis novos catedráticos e catedráticas a de Organización de Empresas que suma tres novos docentes con cátedra. Ana Belén Fernández Souto, nova catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade pon en valor nesta xornada de recoñecemento “o orgullo e a alegría” de quen foi, primeiro alumna da  primeira promoción de Publicidade e Relacións Públicas da UVigo e a continuación docente na Facultade de Comunicación. “A verdade é que chegar a formar parte do corpo de catedráticos na miña universidade e na miña facultade é toda unha alegría e todo un orgullo. Sobre todo iso, facéndoo na miña universidade e cos meus compañeiros”, asegura.

Pola súa banda, dos 32 novos titulares, 19 son homes e 13 mulleres. Para Adolfo Fernández acadar a titularidade como docente de Arqueoloxía, “cámbiache a vida, porque ao final é unha meta, non? A min a vida cambioume moito en canto a docencia ou investigación, porque levo moitos anos na casa”. Desde a illa de Ons, onde hoxe inicia unha escavación arqueolóxica co grupo que dirixe, Adolfo Fernández sinala o incremento da docencia, “o que non quere dicir que vaiamos descoidar a parte investigadora, nin moito menos”, e a posibilidade de ocupar cargos de xestión que con outra figuras non se poden exercer, “directores de departamento, decanatos e outros”, como os principais cambios que esta nova condición introduce na súa traxectoria profesional.

Coa toma de posesión desde grupo de 62 catedráticas e catedráticos e titulares, a UVigo supera os 300 docentes con cátedra e os 560 titulares.