DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia celebrou un ciclo de conferencias con esta temática

O espazo e o poder, vistos desde unha perspectiva interdisciplinar

Os temas abordados abranguen desde as ditaduras en América Latina ata a figura do gobernador romano

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 23/04/2021

A Facultade de Historia do campus de Ourense pechou este venres un ciclo de conferencias no que baixo o título Espazo e poder se abordou desde as ditaduras en América Latina ata a figura do gobernador romano. En consonancia coa multidisciplinariedade do Grao en Xeografía e Historia que se imparte neste centro, a iniciativa quixo aunar arredor dun tema transversal contribucións das diferentes áreas de coñecemento que imparten docencia neste título.

O ciclo tivo unha primeira sesión de conferencias, de carácter virtual, o pasado 16 de abril e este venres 23 celebrou a súa segunda e última sesión na que os relatores interviron desde a propia facultade ourensá e o público interesado puido seguir as conferencias tanto de xeito presencial como a través do Campus Remoto da UVigo. O obxectivo desta actividade, indicou Susana Reboreda, decana do centro organizador, foi ofrecer unha perspectiva pluralista arredor da temática espazo e poder que servise para complementar o programa formativo do alumnado da Facultade de Historia. Aínda que a organización recaeu no decanato do centro, detallou, na actividade participaron todas as áreas con presencia na facultade, facendo cada unha delas unha proposta de relator ou relatora.

Diferentes territorios, culturas e momentos históricos

A sesión deste venres arrancou cunha conferencia titulada América Latina S. XX: ditaduras e poder militar e foi ofrecida por Eduardo Rey, profesor de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela ofreceu “unha visión da lóxica da ditadura e do militarismo en América Latina durante o século XX” abordando “por que se asocia América Latina con certas prácticas continuadas antidemocráticas”. Neste senso apuntou a necesidade de “comprender en perspectiva histórica como se conforman estas sociedades tras a independencia, como se conforman os estamentos militares, cal é a lóxica da intervención política e cal é o rol que ao longo dos últimos 200 anos xogan os militares”. Así, o historiador destacou como a existencia das “tráxicas ditaduras” dos anos 70 do século pasado en países como Chile, Arxentina, Uruguai ou Brasil, coñecidas polos “miles e miles de desaparecidos”, non implica que as ditaduras sexan a tradición de América Latina. “O acontecido nos anos 70 é un extremo último pero os cento e pico anos previos non foron así, aínda que por suposto houbese militarismo, militares intervindo en política e mesmo golpes de estado”, afirmou o relator.

Da mesma universidade pero da área de Historia Moderna, o ciclo contou cunha conferencia do profesor Roberto J. López titulada Festa e conmemoracións rexias. Espazo escénico e representación do poder. Nela, o relator analizou “os espazo rituais e escenificacións de poder na Idade Moderna”, facendo “un percorrido sobre a utilización da imaxe para a consolidación do poder, como maneira de lexitimación, de propaganda e de consolidación de institucións políticas e en certa maneira tamén de consolidación e cohesión social”. Tamén da USC, o profesor de Historia Antiga Pedro López falou sobre o gobernador provincial na Hispania romana. O historiador abordou “o proceso de romanización no que actualmente é España e Portugal desde o punto de vista da persoa que estaba en contacto cos, por así dicilo, indíxenas e que era a clave para entender como se ían progresivamente adaptando, polo menos unha parte deles, ao usos e costumes romanos”. Por último, esta segunda sesión do ciclo de conferencias Espazo e poder contou coa intervención de Antonio Poveda, profesor de Historia Antiga da Universidad de Alcalá, que falou dos novos datos e descubrimentos sobre a ocupación bizantina no sudeste peninsular.

Estas conferencias sumáronse ás celebradas o pasado 16 de abril nas que Pegerto Saavedra, catedrático da USC, falou sobre a división do territorio como espello da pluralidade de poderes nos séculos XVI-XVIII; Monsterrat Vilarino, da mesma universidade, abordou os espazos de empoderamento das mulleres rurais; Gutmaro Gómez, da Universidad Complutense de Madrid, interveu sobre a formación do sistema represivo franquista, e Luisa Vetter, profesora da Pontifica Universidad Católica de Perú, analizou o papel das mulleres de elite no Perú prehispánico.