DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Persoal investigador, de administracións públicas e empresas participou nunha sesión en Redeiras

Un espazo de reflexión e diálogo para unha mellor comprensión da nova Lei do clima de Galicia

Ao abeiro da Cátedra Veolia con poñentes do ámbito académico e institucional 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Eido
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/07/2026

“O noso propósito é contribuír a que unha norma chamada a orientar numerosas decisións públicas e privadas sexa mellor coñecida e comprendida”. Este é, segundo explica a catedrática de Dereito Administrativo da UVigo Patricia Valcárcel, a razón para organizar a xornada A Lei 1/2026, do 5 de febreiro, do clima de Galicia, que este mércores se desenvolveu no edificio Redeiras coa participación de persoal investigador, profesionais do Dereito, así como persoal das administracións públicas, empresas, consultoras, entidades do ámbito ambiental e persoas interesadas en coñecer o contido e as implicacións da nova Lei.

Dirixida por Teresa Roa Martínez, contratada predoutoral de Dereito Administrativo da UVigo, e inserida no programa de actividades da Cátedra Veolia de Contratación Pública Estratéxica e Sustentabilidade, a sesión contou coa participación de especialistas procedentes dos ámbitos a académico e institucional e que directamente participaron na elaboración da norma, como a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e a asesora xurídica de Enerxías Renovables da Consellería de Medio Ambiente, Paula María Uría e Isabel Torralba, respectivamente; a directora do Centre for Climate Change Law and Governance da Universidade de Copenhague, Beatriz Martínez; e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de A Coruña Juan José Pernas. “Unha combinación que permite ofrecer unha visión complementaria da Lei, unindo a análise xurídica coa experiencia de quen participa directamente no seu desenvolvemento e aplicación”, explica Valcárcel.

Con esta idea desenvolvéronse dúas mesas redondas, unha centrada no clima como preocupación xurídica, da perspectiva global á acción autonómica; e outra sobre instrumentos para a loita fronte ao cambio climático en Galicia. Na primeira situouse a norma galega no contexto do Dereito internacional e europeo do clima, permitindo comprender que a Lei forma parte dunha estratexia climática compartida polas distintas institucións, ademais de abordarse a súa aplicación desde a perspectiva da propia administración autonómica, responsable de impulsar boa parte das medidas previstas. Mentres, a segunda das mesas centrouse na contratación pública e no sistema voluntario de créditos de carbono, “dous instrumentos chamados a desempeñar un papel relevante na consecución dos obxectivos climáticos da Lei e que poñen de manifesto que a acción climática non depende unicamente das políticas ambientais, senón que debe integrarse na xestión pública, na actividade económica e na colaboración entre administracións e empresas”, explica a catedrática da UVigo.

Unha norma que apela ás administracións públicas e ao conxunto da sociedade

A Lei 1/2026, do 5 de febreiro, do clima de Galicia constitúe o marco xurídico que orientará as políticas climáticas da comunidade autónoma durante as próximas décadas e que fixa o obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040, adiantándose unha década ao marco temporal fixado pola UE. “Como sinala a súa propia exposición de motivos, o reto climático esixe pasar dos compromisos á acción e converter a loita contra o cambio climático nun principio inspirador de todas as políticas públicas”, sinala Patricia Valcárcel, que tamén destaca, que un dos aspectos máis destacados da Lei “é que entende a acción climática como unha política transversal, o que significa que a perspectiva climática deixa de ser unha cuestión exclusivamente ambiental para incorporarse á toma de decisións das administracións públicas en ámbitos moi diversos, integrándose na planificación sectorial, a contratación pública, as convocatorias de subvencións… e tamén crea ferramentas concretas para facelos efectivos”.

Considera ademais a catedrática de Dereito Administrativo da UVigo que a Lei do Clima de Galicia representa un excelente exemplo da nova forma de entender as políticas públicas, “subliñando que a resposta fronte ao cambio climático debe impregnar todas as áreas de actuación e contar coa implicación do conxunto da sociedade”.

Galicia súmase a outras CCAA con leis propias en materia de cambio climático

Coa Lei 1/2026, do 5 de febreiro, do clima de Galicia, a comunidade autónoma incorpórase ao grupo de rexións que nos últimos anos aprobaron a súa propia lexislación en materia de cambio climático, entre elas Cataluña, Andalucía, Illes Balears, Navarra, Canarias, Euskadi ou Comunitat Valenciá. “Algunhas destas leis son mesmo anteriores á Lei estatal de cambio climático e transición enerxética de 2021, o que amosa o importante papel que desempeñan as comunidades autónomas no impulso das políticas climáticas”, explica Patricia Valcárcel.

En canto ao ámbito europeo, existen numerosos exemplos de lexislación climática, tanto a nivel estatal como rexional e aínda que presentan diferenzas derivadas de cada ordenamento xurídico, todas responden a unha mesma idea, segundo a catedrática da UVigo: “converter os compromisos climáticos en obrigas, instrumentos e mecanismos de seguimento que permitan avanzar de forma efectiva cara á descarbonización e á adaptación ao cambio climático e a Lei galega intégrase nesa evolución, adaptando eses obxectivos ao ámbito competencial da Comunidade Autónoma e ás características económicas, sociais e ambientais de Galicia”.