DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal é unha das participantes no proxecto europeo ‘MeetYourForest’

Especialistas de catro países deseñan unha serie de unidades didácticas para pór en valor o papel dos bosques

Na xuntanza que nestes días se desenvolve en Finlandia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/03/2023

A localidade finesa de Hämeenlinna acolle nestes días unha reunión de traballo do proxecto europeo MeetYourForest, que ten como principal obxectivo desenvolver un conxunto de accións que permitan dar a coñecer o valor económico e ambiental dos bosques nun contexto marcado polo despoboamento do rural. Nese obxectivo, os diferentes socios do proxecto, entre os que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal, traballan nestes días no deseño de dez unidades didácticas, que se reunirán nun libro electrónico que porá o foco, entre outros aspectos, “na colaboración entre propietarios forestais para a xestión conxunta” e nos “impactos previsibles do cambio climático nas principais producións forestais”, á vez que recollerá unha compilación de boas prácticas seleccionadas nos catro países participantes no proxecto, Noruega, Finlandia, Portugal e España.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de cooperación no ámbito da educación de adultos do programa Erasmus+ e financiado con preto de 295.000 euros, MeetYourForest é un proxecto coordinado polo Concello de Salceda de Caselas. Nel participan tamén, ademais da EE Forestal, a Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Aspea), a Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme de Finlandia, sede da reunión desta semana, a Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural da localidade norueguesa de Bryne e a empresa AtinServices, como socio tecnolóxico. 

Exemplos de boas prácticas e usos innovadores dos bosques

A xuntanza que nestes días ten lugar en Finlandia ten como principal obxectivo “a posta en común” do traballo realizado para definir “unhas unidades que teñen información de todos os países participantes”, como explica a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, coordinadora do proxecto na escola pontevedresa. “Vanse facer dez unidades didácticas, que tratan temas como o clima, a relación do ser humano cos bosques ao longo do tempo, a xestión forestal ou a relación dos bosques co cambio climático”, salienta Cancela, que participa nesta xuntanza xunto ao director do centro, Juan Picos. Estas veranse á súa vez complementadas por unha serie de “fichas de boas prácticas” seleccionadas polos participantes nos catro países representados no proxecto e reuniranse nun libro electrónico. A súa vez, este conxunto de boas prácticas e exemplos de usos sostibles e innovadores trasladaranse tamén ao curso que o proxecto MeetYourForest levará a cabo nos próximos meses no municipio portugués de Manteigas.

“A temática obríganos a reflexionar e a producir materiais que van a ter un uso fundamentalmente divulgativo”, engade Juan Picos dun proxecto que permite aos representantes da escola afondar na “divulgación ambiental” e no traballo orientado "a un publico máis amplo”, á vez que destaca o positivo para o centro dunha iniciativa que “permítenos intercambiar experiencias con outras universidades”, contribuíndo á “internacionalización” da escola.