DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas este mércores na Facultade de Dereito

Especialistas do eido académico, xudicial e sindical abordan a violencia e o acoso nas relacións laborais

Analizaron as últimas novidades normativas neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 30/11/2022

A Facultade de Dereito do campus de Ourense e o Consello Galego de Relacións Laborais organizaron este mércores a xornada Violencia e acoso nas relacións laborais 360°. Nela, especialistas do eido académico, xudicial e sindical abordaron os retos e as novidades xurídicas neste eido.

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito que acolleu a actividade; Antía Sández, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, e Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, foron as encargadas de presentar a xornada. Na súa intervención, Marta Fernández amosou a súa satisfacción por recuperar, tras a pandemia, a celebración desta cita, “que cada se organizaba para discutir e reflexionar sobre temas da actualidade laboral do momento”. Neste senso recalcou a pertinencia da temática elixida para esta edición, “un tema que sempre nos preocupa como é o ámbito do acoso e a violencia, neste caso abordado desde a perspectiva das relacións laborais”. A decana destacou os “retos que as recentes normativas supoñen nesta materia” e a importancia de avanzar na sensibilización, prevención e radicación destas condutas irregulares no contexto laboral.

Do mesmo xeito, Antía Sández subliñou que “no eido laboral é fundamental a adopción de medidas que garantan a igualdade de trato, a non discriminación, a liberdade sexual e a integridade física e moral, como así o amosan as últimas novidades normativas”. Neste senso, a normativa, sinalou, “cada vez profunda máis en tratar de establecer nos empregadores unha actitude proactiva, non só de reacción, no establecemento e conservación de ambientes libres deste tipo de condutas violentas”. Pola súa banda, a directora xeral de Relacións Laborais lembrou cifras de desigualdade entre homes e mulleres no eido laboral como a fenda salarial, o posicionamento en postos de liderado e a asunción dos traballos de coidado. Apuntando como se seguen mantendo os estereotipos xénero no eido laboral, Elena Mancha recalcou que é fundamental formar e sensibilizar en igualdade ás novas xeracións sobre estas cuestións. No eido da problemática do acoso e a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, a responsable institucional salientou que “é totalmente necesario que todas as administracións, axentes sociais, empresas, prestemos a máxima atención a este problema” e avogou pola sensibilización e formación neste eido.

Un protocolo

A xornada partiu da premisa de que "nos espazos laborais resulta especialmente necesaria a adopción de medidas dirixidas a garantir a igualdade de trato e non discriminación, a liberdade sexual e a integridade física e moral, tal e como poñen de manifesto as últimas novidades normativas (Lei Orgánica 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, e Lei 15/2022, integral para a igualdade de trato e non discriminación), así como o Convenio 190 da OIT sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo, recentemente ratificado por España". Así, a cita contou con intervencións sobre os retos, as novidades xudiciais e o papel da inspección de traballo en materia de acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade nos centros de traballo.

Neste contexto, o Consello Galego de Relacións Laborais trouxo á xornada o Protocolo contra o acoso sexual e laboral por razón de sexo e identidade nos centros de traballo, "froito do esforzo das organizacións integrantes da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva", que, explicaron, contou coa participación das organizacións sindicais e empresariais con maior representatividade de Galicia. A súa finalidade, indicaron, é “ofrecer unha ferramenta útil co valor engadido de que conta co imprescindible consenso nunha materia que require tantos coñecementos de carácter técnico como tamén gran sensibilidade na súa aplicación posterior”. A presentación deste protocolo nas xornadas celebradas en Ourense tivo lugar por parte dos axentes sociais implicados, coa intervención de representantes de CIG, CCOO de Galicia e UGT-Galicia, e da CEG.

Sobre este protocolo, Antía Sández resaltou “o seu valor diferencial fronte a outros que están publicados, que radica fundamentalmente nese carácter consensuado entre as persoas que forman parte da propia comisión, todas elas especialistas na materia de igualdade pero que máis aló diso fixeron o grande esforzo de chegar a acordos" para un texto que conta co beneplácito das dúas partes da relación laboral. O documento, dixo, “é unha ferramenta absolutamente necesaria mais con todo non suficiente”, recalcando que “só con profesionais altamente cualificados na materia se poderá facer fronte aos novos desafíos” neste eido.