DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Fashion And Design Conference, que o grupo DX7 organiza no Museo de Pontevedra

Especialistas de múltiples disciplinas analizan a moda como un elemento “imprescindible para entender a cultura contemporánea”

O congreso internacional abriuse poñendo o foco na sustentabilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/10/2020

Promover unha reflexión académica sobre a moda desde múltiples ámbitos, desde a arte, a historia, o deseño ou os estudos culturais ata a antropoloxía e a socioloxía, é o propósito central da Fashion And Design Conference (FADC), o encontro de estudos interdisciplinares sobre deseño e moda que Esdemga e o grupo de investigación DX7 promoven este venres e sábado no Museo de Pontevedra. Preto de 50 investigadores e investigadoras de diferentes países participan, tanto de xeito presencial como telemático, na primeira edición dun congreso que busca xerar “un diálogo construtivo na intersección entre a moda e a formación académica de máximo nivel”, como salientou na súa inauguración a directora de Esdemga, Lola Dopico. Nos últimos anos, sinalou a responsable do comité organizador, “puidemos observar e comprobar o desenvolvemento do campo da moda como área de estudio definida e puxante, cunha produción teórica destacable, capaz de trazar un corpus imprescindible á hora de entender a cultura contemporánea”. De aí que puxese o acento, na apertura dun encontro no que se presentan 40 comunicacións, na importancia da “interdisciplinariedade” na abordaxe dun ámbito que implica creatividade e experimentación, pero que “tamén é industria, tecnoloxía, linguaxe, produto e cultura visual”.

Inicialmente programado para o mes de marzo, a crise da covid-19 obrigou a trasladar a outubro a celebración da primeira edición deste encontro, nacido co obxectivo de converterse nun “espazo de investigación e reflexión sistematizado” en torno á moda. “Máis que nunca antes, a moda está sendo consciente de si mesma e das súas implicacións e por iso non podemos resignarnos a que se lle siga considerando inocua, frívola ou insubstancial”, engadiu Dopico, que lembrou que a FADC é o resultado dun traxecto que arrincou coa posta en marcha dos estudos sobre deseño e moda na Universidade de Vigo en 2004, primeiro como un título propio e, desde 2017, como o Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. “Moitas das estratexias para consolidar o deseño de moda desde o punto de vista académico e de investigación están por facer e por iso é tan importante está reunión”, engadiu nese senso o vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen, no acto de apertura, puxo o acento na importancia que para o campus pontevedrés, ao abeiro da súa especialización como Campus Crea, ten a investigación en deseño. 

Múltiples prismas para unha análise transversal

Nunha edición marcada polas medidas sanitarias, a presentación presencial e virtual de comunicacións irase combinando nas seis mesas que integran o programa do encontro, complementadas á súa vez polas conferencias da profesora da Universidade Lusiáda de Porto Isabel Cantista, o catedrático da Universidade da Coruña Chema Paz Gago e a presidenta da Asociación de Creadores de Moda de España, Pepa Bueno. 

A sustentabilidade nos diferentes aspectos relacionados coa produción e consumo de moda, na mesa que puxo inicio a este encontro, “a comunicación, como eixo central no posicionamento e impacto das marcas” e a “historia e as historias da moda” son, como explicou Dopico, o eixo das catro mesas programadas para este venres. Na segunda xornada, porase o foco “na identidade de xénero e no papel que nela xoga a indumentaria”, nos “numerosos puntos de intersección entre moda e arte” e, nun último bloque, na análise da moda "como creación e proceso”. Con ese obxectivo de facer visibles “os procesos de investigación que se concretan en torno ás coleccións de moda e que se internan en territorios inexplorados e híbridos”, esta última mesa vese complementada coa exposición, na planta baixa do museo, dunha serie de proxectos desenvolvidos polas egresadas do mestrado Laura Murillo, Tania González, Silvia Marra e Icía Vázquez.

Unha industria que camiña cara a sustentabilidade?

Complementando a mesa sobre sustentabilidade, a FADC acolleu na mañá deste venres unha conferencia de Isabel Cantista, profesora da Universidade Lusiáda e do ISEM Fashion Business School de Madrid, centrada en analizar o impacto na industria de dous documentos asinados nos últimos anos por diferentes empresas, a UN Fashion Charter e o Fashion Pact. “Despois da industria de produtos de consumo corrente como os alimentos, a moda é a segunda que máis vende no mundo”, lembrou Cantista, que puxo o foco en como, no referido á sustentabilidade, trátase dunha industria “na que non se tomaron medidas específicas ata hai moi pouco tempo”. No seu relatorio, Cantista presentou algúns dos primeiros resultados do estudo que desenvolve xunto a tamén docente do ISEM Business School Silvia Pérez Bou sobre como estes dous acordos, que non implican obrigas legais para as empresas, si están a provocar “un movemento” no sector, “á hora de chamar a atención das empresas e de pórlles metas no camiño cara ser máis sustentables”.

Concretamente, Cantista centrou a súa intervención na análise das medidas levadas a cabo por catro das empresas estudadas, dúas multinacionais da chamada fast fashion, Inditex, e H&M, e dúas representantes da moda “de luxo”, o grupo Kering e Burberry. “Hai algúns puntos fortes”, sinalou a conferenciante, que salientou por exemplo a importancia que as dúas primeiras empresas outorgan as medidas relacionadas coa “igualdade de oportunidades entre homes e mulleres” ou os “estándares” que o grupo Kering fixou tanto para empresa como para os seus provedores. “Trátase dun estudo que vai achegar algunhas luces sobre empresas que están investindo verdadeiramente para ser sustenatbles e sobre outras que non fixeron moitas cousas”, concluíu Cantista, que puxo o acento en que, no referido á sustentabilidade desta industria, “hai un camiño longo por facer”, lembrando nese senso a a problemática que, en termos de polución por mor do transporte, supón o aumento do comercio electrónico, acentuado nos últimos meses por mor da pandemia.