DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio no Museo de Pontevedra, inserido nas actividades do Plan de Ciencia de Ida e Volta

Especialistas da UVigo afondan nos “intereses políticos e económicos” tras a desinformación e na ameaza que supón para a democracia

O debate afondou tamén nas ferramentas tecnolóxicas que permiten facer fronte ás ‘fake news’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/06/2025

A proliferación da desinformación, sumada a unha “polarización brutal” da sociedade, á chegada dos “populismos máis extremistas” e ao papel das redes sociais e dos “pseudomedios” están a xerar “unha tormenta perfecta que afecta á nosa democracia”. Deste xeito presentaba o xornalista Xabier Fortes a problemática que constituía o eixe central do debate que este luns reuniu no Museo de Pontevedra investigadores de diferentes ámbitos, co propósito de afondar nos efectos da desinformación e nas ferramentas existentes para detectala e combatela. Promovido pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), este coloquio puxo de relevo que “a desinformación organizada obecede sempre a intereses políticos e económicos”, como sinalou o profesor da Facultade de Comunicación Xosé Rúas, e na incidencia que esta problemática ten á hora de que “crear un estado de opinión polo que xa non sabemos que é certo e que non”, como engadiu a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. 

Baixo o título de A desinformación baixo o foco, este debate aberto á cidadanía inseríase nas actividades promovidas pola UCC+i a raíz da celebración, o pasado 17 de maio, do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Moderado por Fortes, contou coas intervencións dos integrantes do grupo CP2 Xosé Rúas e Iván Puentes; do investigador do grupo SING Guillermo Blanco, do integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información Francisco de Arriba e da psiquiatra Iria Veiga. Dirixido a concienciar sobre o impacto da desinformación na vida cotiá, o debate contou tamén coa asistencia das vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.

Da definición do problema aos recursos para facerlle fronte

Estruturada en tres bloques, a conversa arrancou pondo o foco nas diferentes manifestacións dunha problemática que, lembraron, non se limita ás loiadas e ás noticias falsas, senón que abrangue tamén a difusión de contidos nesgados, esaxerados ou manipulados. “É un fenómeno que sempre existiu, o que cambiou foi a súa capacidade de viralización coas redes sociais”, salientou Rúas, investigador principal do proxecto FakeLocal. Este docente subliñou que a “desinformación organizada sempre obedece a intereses políticos e económicos”, o que levou a Veiga a incidir en que esta “non parte de forma equidistante de todos os puntos do espectro político”, sinalando estudos que atribúen a maioría das loiadas a “partidos de extrema dereita e populistas”. Neste punto, Iván Puentes alertou de que a democracia estase a ver “francamente ameazada” por esta problemática e recalcou a necesidade dunha “opinión pública informada”. Pola contra, alertou, nos últimos tempo está a medrar un “novo fenómeno”, o dos “evitadores de información”, persoas que optan por “non consumir información”, que un estudo do Instituto Reuters, apuntou, sitúa xa en preto do 50% da poboación en España. 

O segundo bloque da conversa centrouse nos efectos que este clima de desinformación está a ter na posta en cuestión da ciencia, un aspecto que levou a Veiga a incidir na importancia de “cambiar a maneira na que transmitimos o coñecemento científico”, xa que, ademais de proporcionar á cidadanía datos, é preciso tamén achegala ao "funcionamneto do métido científico", o que á súa vez permitiralles identificar informacións falsas, ao comprender "que as premisas das que parten non son correctas".

O debate puxo tamén o foco no papel que xogan as redes sociais na proliferación destes contidos, mais tamén na existencia de ferramentas para facerlle fronte. “As redes sociais son unha grande ferramenta democratizadora”, recoñeceu Guillermo Blanco, quen lembrou que estas plataformas permiten á cidadanía expresarse, mais tamén son unha canle idónea para facer chegar “certo tipo de mensaxes” a un gran número posible de persoas. O investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que traballou no desenvolvemento de modelos para a detección automática de desinformación en redes sociais, sinalou o problema que supoñen os “algoritmos de recomendacións”, que promoven “aquilo que ten máis interaccións” e que poden ser alterados mediante o uso de bots. Neste punto, De Arriba lembrou que tras as redes sociais atópanse “empresas privadas que buscan beneficios”, ao que Blanco engadiu que se ben existen ferramentas, estas “non se están aplicando o suficientemente”. Apontou concretamente que “cada día desenvólvense algoritmos para mitigar a desinformación, baseados en intelixencia artificial”, mentres que Francisco de Arriba, investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, apuntou que se ben a intelixencia artificial constitúe “unha ferramenta moi poderosa para crear fake news”, tamén pode resultar un recurso “moi poderoso para interpretalas”, sinalando neste punta ás posibilidades que achegan recursos como ChatGPT “como analistas de texto”, á hora de “buscar as fontes dunha noticia”.