DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Santiago Lago presenta un libro sobre esta temática

A estabilidade fiscal en España, un reto pendente

No acto participou Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno e Ministra de Traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 14/05/2021

Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia, presentou este venres na Coruña o libro La estabilidad fiscal en España. Los deberes pendientes. Trátase dunha publicación na que aborda, entre outras cuestións, a importancia da política fiscal de estabilización e a necesidade de ser fiscalmente coherentes. O acto contou coa participación de Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, quen explicou as metas do seu departamento subliñando a importancia de “extirpar da nosa sociedade o abatemento” e de dar protagonismo á mocidade.

O acto, organizado polo Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), celebrouse despois dunha reunión de traballo na que participaron 20 personalidades do mundo empresarial e académico de Galicia, que tiveron a oportunidade de trasladar á vicepresidenta terceira os seus puntos de vista e preguntas sobre a situación económica en xeral e as perspectivas do mercado de traballo en particular. Á presentación da publicación, editada pola Real Academia de las Ciencias Económicas y Financieras, da que Santiago Lago é académico de número, contou coa presenza, entre outras autoridades, de María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade; Pilar Riobó, subdelegada do Goberno, e Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia.

Perspectivas

Na súa intervención, Santiago Lago, indican desde o Foro Económico de Galicia, centrouse nun dos retos para a economía española: a estabilidade fiscal. Tras reivindicar "o rol clave da política fiscal de estabilización ante choques inesperados como a Gran Recesión ou a pandemia", o catedrático insistiu na importancia de contar cunhas contas estruturalmente saneadas para ter a marxe necesaria cando a situación o demanda. Por iso, afirmou, "é urxente contar cun plan fiscal a medio prazo que se anticipe á volta á normalidade tamén na aplicación das regras fiscais comunitarias". Neste senso, o economista indicou que, aínda que existen diferentes traxectorias dos ingresos e os gastos públicos compatibles coa eliminación do déficit estrutural, "é unha decisión política optar por unha ou outra" pero, engadiu, "debe existir un amplo consenso social sobre a necesidade de ser fiscalmente coherentes, independentemente da cor do Goberno".

Pola súa banda, a vicepresidenta terceira e ministra de Traballo e Economía Social fixo durante a súa intervención un balance do diferente comportamento do PIB, do paro e dos indicadores macroeconómicos durante a pandemia e da xestión activada desde o Goberno fronte á crise sanitaria, segundo sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia. "As nosas metas son acabar co paro e a precariedade, abordar os grandes desequilibrios estruturais do noso mercado de traballo, construír un futuro ao que non mirar con resignación, extirpar da nosa sociedade o abatemento e facer un pacto coa esperanza, como estamos a facer", afirmou Yolanda Díaz. Nese lugar, engadiu, “debe ter un rol protagonista a nosa mocidade, porque elas e eles son o combustible do futuro e porque elas e eles son a materia mesma do restablecemento dun novo contrato social, que debe restaurar as oportunidades e recobrar a perdida mobilidade social".