DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu a final do Club de Debate DXP 

Estudantado de Dirección e Xestión Pública e de tres institutos enfróntase nun debate sobre a xestión de catástrofes climáticas

Participou alumnado do IES A Xunqueira II, Los Sauces e IES República do Uruguai de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/05/2025

“A xestión dos desastres climáticos é máis eficaz desde a acción cidadá e das organizacións sociais que dende as institucións públicas: certeza ou mito?”. Esta pregunta articulou este venres a sesión final da segunda edición do Club de Debate DXP, unha iniciativa promovida pola Facultade de Dirección e Xestión Pública na que tomaron parte, ademais do alumnado deste centro, estudantes de ESO e bacharelato do IES A Xunqueira II, do colexio Los Sauces e do instituto República Oriental do Uruguai de Vigo. Catro equipos integrados por seis alumnas e alumnos puxeron a proba as súas capacidades de oratoria e argumentación nunha iniciativa que, grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, levouse a cabo no salón de plenos da Casa Consistorial, sendo a primeira actividade, alén das sesións plenarias, que se celebra neste espazo tras a súa reforma.

Coa asistencia do alumnado dos diferentes centros, a apertura desta xornada correu a cargo do decano, Enrique Varela, e o concelleiro de Educación e Universidades, Demetrio Gómez, quen salientou que este tipo de iniciativas permiten adquirir “conceptos, ideas e formas de traballar que é imposible aprender nun libro”. Non en van, o obxectivo desta actividade é contribuír o desenvolvemento da capacidade de "argumentación e pensamento crítico" do estudantado “de diferentes niveis educativos”, salientou Varela.

Premio para Los Sauces

Coordinado polo profesor Ignacio Fernández, este club de debate “afástase dunha visión exclusivamente competitiva”, xa que o seu obxectivo, explica, é “fomentar o razoamento crítico, a expresión oral, a escoita activa e a construción colectiva de coñecemento”. Trátase, engade, dunha “experiencia educativa” que busca que alumnado “de diferentes idades e contextos poidan aprender uns dos outros e dialogar desde a diferencia”. Con ese obxectivo, propúxose unha temática cun “marcado carácter actual e social”, dirixida a promover unha reflexión crítica respecto do papel que xogan diferentes actores á hora dar resposta aos “retos que impón o cambio climático e os fenómenos extremos asociados, como inundacións, secas prolongadas ou dinas”.

Non obstante, a diferencia da súa primeira edición, nesta ocasión si que houbo un equipo gañador, o integrado polo alumnado de Los Sauces. Este grupo mediuse ao estudantado do IES República do Uruguai na segunda seminfinal, na que lle correspondeu defender a postura favorable á afirmación proposta. Previamente, o equipo de Dirección e Xestión Pública lograra o seu pase á final, tras defender a posición contraria fronte ao IES Xunqueira II. Aos dous equipos finalistas correspondeulles cambiar de posición na final, na que un xurado integrado polos docentes Sara Torres, Fernando Martínez e Enrique Varela outorgou a Los Sauces premio ao equipo con mellor desempeño argumentativo. Tamén se entregou un recoñecemento aos mellores oradores e oradoras de cada equipo, que foron Rolando Manuel Planas (A Xunqueira II), Hugo Regueira (República Oriental do Uruguai), Daniel Paredes (Los Sauces) e Gaila Clavo (Dirección e Xestión Pública). 

Estruturados en catro roldas de intervencións, explica Fernández, nestes debates promovíase o “o uso de evidencias contrastadas, a exposición clara e ordenada, o respecto polas quendas de palabra e a correcta utilización do tempo asignado”, cuestións avaliadas polo xurado xunto coa “calidade da exposición argumentativa”. 

Resultado dun proxecto de innovación docente

Este club de debate insírese nun proxecto de innovación docente da facultade, que vincula tres materias do grao e que ten como obxectivo “formar profesionais e cidadáns críticos, capaces de enfrontar os dilemas do mundo contemporáneo con ferramentas éticas, comunicativas e analíticas”. Nese senso, esta sesión final viuse precedida pola visita deste docente aos institutos participantes, co obxectivo de trasladarlles o funcionamento e temática do debate, á vez que o alumnado destes centros puido asistir ao debate desenvolvido na facultade entre o alumnado das tres materias implicadas no proxecto. 

Peche a unha semana de actividades

A actividade deste venres puña peche ademais a unha semana de actividades promovidas por Dirección e Xestión Pública, no marco da conmemoración do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo. Nesta programación inseríase a homenaxe realizada este martes á Deputación de Pontevedra, na que traballan 18 egresados e egresadas, que contou coa participación do seu presidente, Luis López, así como un acto conmemorativo do Día das Letras Galegas.