DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego Silva foi seleccionado pola Comisión Europea para participar en ‘Youth Voices for the Ocean’

Un estudante de Dirección e Xestión Pública participa nun debate europeo sobre políticas oceánicas

Dirixido a incorporar as perspectivas da mocidade nas iniciativas da UE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/04/2026

Seleccionado de entre preto de 70 candidaturas, o estudante da Facultade de Dirección e Xestión Pública Diego Silva foi o único representante español no encontro Youth Voices for the Ocean, que reuniu en Chipre 30 mozos e mozas dos diferentes estados membros da UE, co propósito de coñecer as súas perspectivas sobre o futuro do sector pesqueiro e acuícola, a economía azul e o patrimonio cultural subacuático. Promovido pola Comisión Europea, o propósito deste evento, explica este organismo, é contribuír á inclusión das “perspectivas da mocidade nas iniciativas políticas da Unión Europea, como a Visión 20240 para a pesca e a acuicultura e a Estratexia de Renovación Xeracional Azul, anunciadas no Pacto Europeo dos Océanos”.

En conxunto, este encontro inserido na iniciativa Youth Dialogues recibiu preto de 700 candidaturas, das que preto de 70 correspondían a mozos e mozas españois, sendo Silva Otero o finalmente seleccionado para tomar parte nun evento desenvolvido en Chipre nas últimas semanas. “Foron tres mesas debate nas que se nos presentaban distintos obxectivos e distintos conceptos de política pública e tiñamos que discutir entre todos modificacións desde a perspectiva de como afectan á mocidade”, explica Silva Otero, quen nas últimas horas facía balance desta experiencia nunha reunión co decano, Enrique Varela.

Presenza dos comisarios europeos

Nomeadamente, o estudante da UVigo tomou parte na mesa de debate sobre acuicultura e emprego no sector naval e na pesca, na que interviñeron dez dos trinta mozos e mozas seleccionados para esta iniciativa, que contou coa participación dos comisarios europeos de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e de Equidade Interxeracional, Xuventude, Cultura e Deporte, Glenn Micallef. 

Segundo recolle a Comisión Europea, o obxectivo deste diálogo da xuventude era contribuír a “fomentar a participación dos máis novos na economía azul”, así como reunir as súas opinións e perspectivas para futuras estratexias comunitarias neste eido. De feito, as achegas realizadas polas e polos participantes neste debate recolleranse na web da Comisión Europea, ao que se suma a posibilidade, explica Silva, de incorporar posteriormente “algunha achega máis” ás presentacións “de proxectos de políticas públicas” realizadas en cada unha das tres mesas. 

De aí que Varela definise esta iniciativa como “unha canle para o enriquecemento das políticas comunitarias”, ao tempo que puña de relevo a importancia para un estudante do Grao en Dirección e Xestión Pública de tomar parte nun evento promovido “polo primeiro órgano de goberno da UE” e responsable de elaborar a políticas públicas que logo son elevadas ao Parlamento Europeo. Nese senso, Silva recoñece que o seu interese pola temática deste encontro, “que vénme de familia” foi o que levouno a presentar a súa candidatura, xunto co seu desexo “de ter a posibilidade de traballar nun futuro” na Axencia Europea de Control da Pesca, con sede en Vigo. A experiencia permitiulle “ter a oportunidade de coñecer como funciona, non a administración europea, senón todo o sistema en xeral”, recoñece, xa que o propio encontro en Chipre viuse precedido por reunións preparatorias “para explicar os temas a tratar”.

Máis aló desta reunión, a facultade acollía tamén nas últimas horas unha conferencia do egresado Diego Moreira, quen foi ata hai unhas semanas membro do goberno municipal de Soutuomaior. O obxectivo deste coloquio era afondar nas “habilidades de emprego na administración local”, explicou Varela.