DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro de ‘Green SEEDS’, unha iniciativa da que forma parte o grupo de investigación CIES

Estudantes do CEIP Espiñeira de Aldán presentan no campus o seu traballo nun proxecto europeo sobre escolas rurais

Amosaron os resultados ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/05/2022

Contrarrestar o risco de illamento das escolas rurais a través do traballo conxunto do profesorado e o alumnado de centros educativos situados en zonas rurais e de montaña ou en illas de cinco países do sur de Europa é o obxectivo do proxecto Green SEEDS (Sinergy and Environment to Empower Decentralised School), do que é socio o grupo de investigación Cies, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O CEIP Espiñeira de Aldán foi un dos colexios participantes nesta iniciativa financiada polo programa comunitario Erasmus+ que levou aos nenos e nenas a desenvolver actividades centradas na contorna natural das súa áreas. Unha desas iniciativas foi o proxecto sobre a presenza de plásticos no mar, que un grupo de 16 estudantes deste colexio presentou este luns ao alumnado desta facultade.

Coordinado pola asociación italiana Glocal Factory, Green SEEDS ten como socios ao instituto croata Vela Luka, á oficina responsable dos centros educativos da rexión italiana do Veneto, ao instituto Bosco Chiesanova, á administración educativa da illa grega de Chios e ao Synthesis Center for Research and Education de Chipre, ademais da Universidade de Vigo. Co obxectivo de promover a interacción entre centros de ensino xeograficamente distantes, pero que comparten realidades sociais e ambientais similares, este proxecto promoveu o desenvolvemento dunha serie de actividades centradas na contorna cultural e natural de cada centro, tomando como punto de partida o programa formativo deseñado polo grupo Cies (Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social). Así mesmo, o grupo coordinado pola catedrática Ángeles Parrilla responsabilizouse tamén da formación dos preto de 60 docentes de diferentes niveis educativos que participan no proxecto, á vez que se atopa actualmente realizando a súa avaliación, de cara a reunión de peche do proxecto, que terá lugar a comezos de xuño en Verona.  

Docentes por un día

Como explica Parrilla, tras a realización o pasado curso de máis dunha vintena de actividades, nestas semanas desenvólvense os “eventos multiplicadores, dirixidos a dar a coñecer o proxecto”, como as presentacións que este luns tiveron lugar na Escola de Enxeñaría Forestal. “Hoxe ides dar vós a clase”, trasladoulles aos nenos e nenas a coordinadora do grupo Cies, que explica que nestas semanas os centros educativos dos diferentes países dan a coñecer o seu traballo a través do “digital storytelling”, a preparación de pezas en vídeo. Nese senso, a profesora do CEIP Espiñeira Noemí Nieto engade que a idea é dar a coñecer este traballo tanto en colexios próximos de zonas urbanas como tratar de amosalo, coa colaboración do grupo Cies, en escolas doutros países. 

Previamente, os seus alumnos e alumnas presentaron este luns a dous grupos de estudantes dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria unha das iniciativas levadas a cabo no colexio e centrada na contaminación que supón a presenza de plásticos no mar. Como explicaron, esta iniciativa abrangueu tanto unha fase inicial de reflexión e procura de información, como o propio traballo na praia de Area Cova, onde levaron a cabo un labor de limpeza e clasificación do lixo detectado en catro parcelas do areal. "Tanto para o profesorado como para o alumnado, pareceunos unha actividade moi enriquecedora, coa que puidemos entaboar unha relación con países moi diferentes ao noso, cos que víamos que tiñamos moitos puntos en común”, salienta Nieto dun traballo que realizaron á súa vez en contacto cun colexio do Val de Aosta italiano, co que a través de videochamadas foron intercambiando información sobre como ían desenvolvéndose os seus proxectos. 

Antes das presentacións, o grupo realizou unha visita polas instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, guiados polo seu decano, Óscar García, quen lles felicitou por un traballo que amosa a súa preocupación “por unha sociedade máis solidaria, igualitaria e ambientalmente equilibrada”.