DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ‘hackatón’ que se desenvolve ao longo da xornada en Ciencias da Educación e do Deporte

Estudantes de diferentes nacionalidades suman novos contidos ao ‘Galizionario’

Trátase do alumnado dun mestrado europeo sobre lexicografía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/11/2022

Incorporar novos contidos ao Galizionario, a versión en galego do dicionario multilingüe de contido libre impulsado pola Fundación Wikimedia, é o cometido que este venres reúne na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a 23 estudantes do mestrado Erasmus Mundus EMLex. Orixinarios de países como Ucraína, Brasil, Alemaña, Nixeira, Taiwan, Rusia, México, Cabo Verde, Armenia, Xeorxia ou Montenegro, trátase do alumnado que cursa na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade do Minho este mestrado europeo sobre lexicografía e que no marco das actividades deste posgrao participa no campus no terceiro EMLex Wiktionary Hackfest, o único hackatón centrado en dotar de novos contidos á edición galega do Wiktionary.

Xunto a catro editores deste dicionario colaborativo, este grupo de alumnos e alumnas traballa ao longo da xornada na incorporación de novos contidos ao Galizionario, nun encontro coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Vacárcel, que é tamén un dos docentes da materia de lexicografía deste mestrado. “Moitos traballarán en introducir palabras das súas linguas e a súa correspondencia en galego, outros centraranse en aspectos técnicos, xa que son especialistas en lexicografía...”, sinalaba Valcárcel, ao inicio da xornada, do labor que as e os participantes neste hackatón desenvolverán ao longo da xornada. 

A apertura dun evento que se estende ata as 19.30 horas, cando os diferentes grupos presentarán os resultados do seu traballo, contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva Lantarón, a coordinadora deste mestrado na USC, María José Domínguez, así como do propio Valcárcel, que incidiron nas súas intervencións no “ambiente colaborativo” dun encontro dirixido a “aumentar o léxico do Galizionario”, como lembrou Lantarón. Así mesmo, antes de comezar co seu labor de incorporación de contidos, o coordinador da edición en castelán do Wiktionary, Eneko López, achegou aos participantes unha serie de nocións sobre o traballo de edición neste dicionario, aberto, ao igual que a Wikipedia, ás achegas de toda a cidadanía.