DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun dos obradoiros inseridos na programación da Aula Crea

Estudantes e profesionais mergúllanse nas posibilidades do vídeo 360 nas rúas de Pontevedra

Con probas dirixidas a realizar pezas tanto para lentes de realidade virtual como para móbiles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/11/2021

Iniciarse na creación de contidos en vídeo 360º, afondando tanto en diferentes técnicas de gravación como na posterior edición e adaptación para diferentes soportes, desde lentes de realidade virtual ata redes sociais. Isto o que propón, tanto a estudantes universitarios como a profesionais de diferentes sectores, o curso Inmersión virtual en Pontevedra, inserido no programa de obradoiros Aula Crea, impulsado pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio de colaboración.

Impartido polo realizador Rubén Lázaro, o obradoiro que se imparte ao longo desta semana na sede da Vicerreitoría combina unha introdución teórica ás características, narrativa e linguaxe do vídeo 360º coa súa posta a proba a través de diferentes actividades prácticas que levaron aos e ás participantes a gravar nas rúas de Pontevedra. Inserido nun programa de obradoiros aberto a toda a cidadanía, entre o alumnado deste taller atópanse tanto estudantes universitarios e “xente sen coñecementos previos”, como apunta Lázaro, como profesionais da fotografía a arquitectura ou o propio audiovisual, “interesadas nestas técnicas innovadoras para a creación de contidos”.

Das características do medio

O programa deste taller abrangue en primeiro termo unha introdución teórica, dirixida a introducilos na captura de imaxes en 360 e nas narrativas en “medios inmersivos. Nese senso, Lázaro salienta que o obxectivo desta actividade é “espertar o seu interese” por este medio e contribuír a que teñan un primeiro achegamento ás distintas técnicas e modos de creación de contidos.

Así, un dos seus propósitos foi achegarlles ás diferentes “formas de difundir os vídeos”, desde os lentes de realidade virtual, “cos que buscamos experiencias máis tranquilas, con menos movementos e cambios de plano”, ata os formatos “para dispositivos móbiles, nos que podemos facer algo máis dinámico”. Ademais de amosarlles como “dun mesmo contido podemos sacar distintas versións”, este realizador buscou tamén achegarlles unha serie de conceptos e exemplos de “como cambia a narrativa e a linguaxe entre a gravación en vídeo e con cámaras 360”. 

“Hai que facer experiencias máis curtas e contar historias máis sinxelas, porque o espectador está distraído vendo o espazo, é unha experiencia máis tranquila”, explica este profesional, que incide á súa vez na capacidade deste medio para “captar a atención do espectador”. O vídeo 360, apunta Lázaro, “non ven a substituír ao vídeo tradicional, senón que é outra forma de ver as cousas, na que o espectador pode escoller o punto de vista, como se se teletransportarse realmente”. De aí que incida en que se trata dunha “ferramenta bastante potente” para ámbitos como a educación.

Á súa posta a proba

Esta introdución completouse coa presentación dunha serie de exemplos, dirixidos tamén a que o alumnado poida “saber que se está facendo e coller ideas”, de cara á parte práctica do taller. “Un dos obxectivos do curso é que desenvolvan unha idea para levala á práctica”, salienta Lázaro, que explica que, xunto a outra serie de exercicios “máis improvisados”, unha das actividades centrábase na realización dunha gravación nas rúas de Pontevedra, “aproveitando que é un bo espazo para poder practicar, unha cidade con moito patrimonio”, salienta Lázaro. Divididos en catro “grupos de gravación”, o alumnado tivo nese senso que traballar na planificación previa e elaboración “dun pequeno guión” para logo, tras saír gravar na tarde deste mércores, dedicar estas últimas sesións ás tarefas de edición do material.