DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Propuxeron un sistema dirixido a reducir o consumo eléctrico dos fogares

Estudantes da UVigo gañan o 2º premio do reto SofIA para el Hogar de Telefónica

A iniciativa retaba ao alumnado universitario a empregar a Intelixencia Artificial para mellorar a

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/11/2021

Un sistema dirixido a reducir o consumo eléctrico dos fogares. Esta é a proposta coa que o equipo Fundación da Universidade de Vigo acaba de facerse co 2ª premio do reto SofIA para el Hogar convocado por Telefónica, unha iniciativa coa que a empresa retou ao alumnado universitario español a presentar ideas e propostas que melloren a calidade de vida das persoas no seu universo persoal: a súa casa.

Fundación xurde da iniciativa da alumna da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martina Páramos, vicepresidenta da rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) na Universidade de Vigo, e os irmás Juan, graduado da Escola de Enxeñería Industrial, e Javier Abia, estudante de Física na Universidade de Santiago de Compostela.  Bautizaron a súa iniciativa co lema Tomar el control del consumo en el Hogar! e amosáronse ilusionados co feito de que a súa proposta fora seleccionada como unha das catro finalista e, finalmente, galardoada co 2º premio, dotado con 1500 euros.

“A nosa idea era que a partir da lectura da sinal da corrente dun contador dunha vivenda se puidese distinguir que electrodomésticos están conectados e cal é o consumo de cada un deles para, deste xeito, poder informar ao usuario ou usuaria sobre cales son os electrodomésticos que consumiron máis, canto tempo tiveron prendidas as luces, etc”, explica Páramos.

“Ao xurado gustoulle moito a idea e así nolo transmitiron”

Fixeron un pequeno prototipo, “manual e caseiro”, utilizando como exemplo a vivenda dun dos integrantes do equipo. “Contabilizamos os consumos do aparato televisor, a aspiradora e un cargador de móbil”, explica Páramos. Ademais deste pequeno prototipo presentaron tamén a versión teórica do sistema que eles propoñen levar a cabo, que incluiría a recollida automática de datos durante un período temporal xa máis amplo. “Ao xurado gustoulle moito a idea e así nolo transmitiron”, recalca a estudante, quen lamenta “non ter tido máis marxe para poder chegar a desenvolver o sistema nunha maior extensión”.

Ao longo de todo mes asistiron a diferentes clases en liña con persoal de Telefónica, unha experiencia á que se referiron como “moi enriquecedora”. A final, DemoDay, tivo lugar a semana pasada en Madrid nun acto presencial no Distrito Telefónica ao que só puido asistir un dos integrantes do equipo, neste caso Javier Abia. Neste evento cada un dos catro equipos finalistas amosaron as súas demos e propostas baseadas en intelixencia artificial para o fogar, ofrecendo cada un deles as súas propias iniciativas para mellorar a xestión de dispositivos e seguridade no fogar, a eficiencia enerxética, ambiental e sustentabilidade sobre diferentes elementos que se empregan habitualmente nos fogares, incluíndo ideas innovadoras sobre emocións e experiencias artísticas únicas, e aplicacións onde a Intelixencia Artificial axuda a preservar a saúde, a nutrición ou a prevención de enfermidades.