DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luisa Cazorla centrou a súa tese nos quilts desde finais do século XVIII ata a actualidade

O estudo de centos de colchas elaboradas con retallos por mulleres afroamericanas constata o impacto desta tradición nos ámbitos político, histórico e artístico 

A causa abolicionista ou o movemento polos dereitos civís son dous exemplos desa influencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Igualdade
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/07/2021

A atracción que sentía pola arte téxtil, nomeadamente pola elaboración das colchas feitas a partir de retallos (quilts), que en Estados Unidos acumula unha riquísima tradición, sumada ao interese que desde sempre tivo pola cultura da comunidade feminina afroamericana, levou a Luisa Cazorla Torrado a fusionar na súa tese de doutoramento estas dúas cuestións e estudar o seu legado artístico. Así naceu Black Stitches: African American Women’s Quilting and Story Telling (Puntadas negras. Acolchado e narración de contos de mulleres afroamericanas) unha investigación, dirixida pola docente do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo Belén Martín Lucas, na que segundo explica a autora, adoptou un dobre enfoque. “Unha primeira aproximación deste o punto de vista cultural e histórico, é dicir, unha visión global da elaboración de quilts por mulleres afroamericanas desde a época da escravitude, finais do século XVIII, ata o presente, e un segundo bloque dedicado á representación desa tradición no mundo da literatura. Deste xeito, podía observar este proceso creativo dende a perspectiva non só da arte visual, senón tamén desde una perspectiva literaria”, explica Luisa Cazorla, que respecto ao corpus literario, optou por delimitalo a obras de autoras exclusivamente afroamericanas para manter unha coherencia interna.

Cinco anos, nos que estudou máis de medio millar de colchas, investiu a investigadora na elaboración da súa tese que conclúe “o impacto significativo” que esta tradición exerceu desde os inicios da cultura afroamericana ata a época contemporánea e que se pode observar, entre outros ámbitos no político, histórico ou artístico. “Así, por exemplo, algunha das repercusións desta tradición deixáronse notar na causa abolicionista, no movemento polos dereitos civís e noutras iniciativas de carácter social igualmente cruciais”, detalla Cazorla. Doutra banda, a investigación tamén conclúe que o tratamento que a literatura afroamericana fixo deste fenómeno, revela como as mulleres empregaron historicamente a agulla como a arma de expresión individual e simultaneamente de protesta colectiva ao longo do tempo, para fins diversos e cun forte sentido artístico e reivindicativo. 

Unha tradición que comezou a finais do século XVIII por motivos heteroxéneos

“A orixe das colchas é fundamentalmente afroamericana, aínda que tamén fago referencia a obras africanas ou caribeñas, entre outras, e as autoras son mulleres de ascendencia afroamericana, dende as pertencentes ás primeiras xeracións de procedencia africana, que viviron coma escravas, ou descendentes de escravas no que hoxe é Estados Unidos, ata chegar ás xeracións actuais”, explica a investigadora, que confirma que a primeira colcha da que se ten constancia de autoría afroamericana data de finais do século XVIII, se ben, ata o XIX apenas se conservan rexistros de obras deste tipo. 

Luisa Cazorla, que estudou as colchas a través de fotografías, tanto en obras impresas, como en formato dixital a través da rede, así como de vídeos documentais, reportaxes audiovisuais, etc. asegura que os motivos polos que as mulleres elaboran estas pezas “son moi heteroxéneos”, abranguendo, desde a necesidade propiamente física de supervivencia en tempos de máxima dureza, como as condicións infrahumanas da escravitude, ata outras máis subxectivas, de índole psicolóxica, como a creación dun sentido de identidade e fonte de apoio emocional; política, converténdose nunha das poucas formas de protesta ás que tiñan acceso; social, establecendo fortes vínculos, por exemplo a través das quilting bees ou grupos de costureiras que traballan á vez, incluso na elaboración dunha mesma colcha; ou artística, como canle expresión da propia creatividade. 

A parte da análise literaria de Black Stitches: African American Women’s Quilting and Story Telling céntrase no estudo de oito obras: dúas novelas, un relato infantil, un diario autobiográfico, dous contos ilustrados infantís, unhas memorias e unha compilación de testemuñas. “Os escenarios recreados nas obras recollen diversas épocas históricas, dende o período da escravitude, a primeira metade do século XX, a segunda metade do século XX e dende esa época a comezos do século XXI. Non podo xeneralizar, pois cada traballo literario aborda as colchas desde unha perspectiva diferente, pero en calquera caso, ningún dos quilts que aparecen nas respectivas obras literarias ten soamente un carácter residual, senón que, por uns motivos ou outros, resulta transcendental na evolución da narración e/ou da trama”, aclara a investigadora.

Instrumentos de forte poder simbólico en momentos crave da historia

O sucedido durante o movemento abolicionista, cando se empregaron para promocionar ou fomentar a causa antiescravista, é, segundo Luisa Cazorla, un exemplo do uso das colchas coma ”instrumentos de forte poder simbólico en momentos crave da historia”. A investigadora alude, así mesmo, á existencia de numerosas pezas centradas no tema dos linchamentos durante as décadas de represión racial posteriores á escravitude. “Durante os anos sesenta e setenta do pasado século, no cumio do movemento polos dereitos civís, as creacións téxtiles de mulleres afroamericanas acadaron gran forza en tanto que símbolo material e inmaterial desta loita, como se pode ver na corrente das artistas de Gee’s Bend, unha pequena vila de Alabama que se converteu nunha das iconas do movemento contra a discriminación racial e de xénero na Norte América da segunda metade do século XX”, enumera a autora da investigación, que engade que existen moitas outras vinculacións entre esta forma de arte e o impacto cultural e político. Este é o caso do coñecido como Código da Rede Clandestina que dá nome a unha serie de símbolos crave, presuntamente empregados por fuxitivos na procura de liberdade durante o século XIX; ou a utilización durante finais do século XX, de colchas de autoría afroamericana na loita contra a epidemia da SIDA. 

“Aínda que existen referencias máis indirectas, como o uso de certas tonalidades, tipos de deseño ou motivos, outras amosan unha utilización abertamente política, nun sentido máis explícito, da colcha como forma de reivindicación ou protesta”, explica Cazorla, para quen tamén resulta moi interesante comprobar, que a tradición desta corrente artística dentro da comunidade feminina afroamericana non só non experimentou declive algún nos últimos anos, “senón que goza de magnífica saúde e, incluso, está a recibir o vigor de novas xeracións de artistas mulitidisciplinares capaces de incorporar métodos, ferramentas, perspectivas e temas contemporáneos a este legado centenario”, confirma a doutora pola UVigo.