DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santiago Cruz traza na súa tese “unha radiografía da realidade” da EPA Río Lérez

Un estudo sobre o Centro de Educación Para Adultos alerta da “desatención da administración” a este tipo de ensino

Resultado dunha “investigación participativa” realizada xunto a profesorado e alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/03/2023

Contra todo prognóstico era o título do proxecto do grupo de investigación Cies, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que serviu como punto de partida para a tese de doutoramento na que Santiago Cruz traza unha “radiografía da realidade” do Centro de Educación para Adultos Río Lérez, levada a cabo conxuntamente co seu persoal e alumnado. Proposto por unha das estudantes que tomou parte nesta “investigación participativa”, este título serve tamén para pór de relevo o traballo tanto dos profesionais da EPA como do alumnado que completa, “contra todo prognóstico”, os seus estudos neste centro, que ofrece a posibilidade de obter os títulos de ESO e bacharelato, xunto con ensinanzas básicas e formación non regrada. Non en van, unha das conclusións desta tese é a “desatención xeneralizada da administración educativa cara esta etapa” que, no caso do centro pontevedrés, reúne maioritariamente xente nova que non finalizara os estudos secundarios. Trátase ademais, como explica Cruz, dun alumnado que, “polo xeral”, presenta “dificultades para acadar o éxito académico”, relacionadas con “distintos factores socioeconómicos, culturais e académicos”. 

Desenvolvida no doutoramento en Equidade e Innovación en Educación, a tese Contra todo pronóstico. Análisis de la realidad educativa de un centro de educación para adultos (CEPA) en la ciudad de Pontevedra y su alumnado desde la etnografía y la investigación participativa foi dirixida pola catedrática Ángeles Parrilla. Esta investigación tivo á súa vez como punto de partida o traballo de “investigación participativa”, coordinado pola catedrática Antonia Blanco, que se desenvolveu neste centro no marco dun proxecto con financiamento estatal do grupo Cies. 

Dirixido a que “os propios membros da institución” participasen “no estudo do seu contexto”, esta iniciativa levou á creación dun grupo de traballo composto polo director, Carlos Medina, a orientadora, Begoña Iglesias; e a por aquel entón profesora da EPA, Charo Vidal; xunto a tres das súas alumnas e dous investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Como explica Cruz Muñoz, docente de primaria no ensino público, o proxecto “comezou coa recollida de oito historias de vida de antigos alumnos do centro” e seguiu coa realización dun cuestionario a máis de 70 estudantes de diferentes etapas e modalidades. Este tiña como obxectivo, afondar na súa traxectoria previa, no seu paso polo centro e nas súas “perspectivas de futuro”, aspecto no que tamén incidiu unha enquisa a 60 egresados e egresadas. Así mesmo, tamén se promoveron dous grupos de discusión, un composto por estudantes de bacharelato da EPA e outro por profesorado e antigos docentes. Como complemento, “levouse a cabo un labor etnográfico”, que tivo como “eixo fundamental” a observación na aula, o que levou a Cruz a actuar, “en calidade de investigador, como un alumno máis do centro durante as sesións de clase”, facendo posible unha convivencia co estudantado que derivou na “realización de varias entrevistas persoais”, explica. 

Condicionantes que dificultan o éxito académico

Este proceso de investigación participativa permitiu o achegamento á realidade dun centro cunha “dinámica particular, diferente de calquera outro escenario escolar”. A diferencia “do que se podía atopar hai uns anos”, superada xa “a pretensión alfabetizadora inicial” da educación para adultos, o perfil maioritario de alumnado da EPA Ría Lérez é o de xente nova, que na maioría dos casos “chega directamente dende o instituto ou cun paso intermedio polo mercado laboral non moi prolongado”, o que ademais lévaos a ver no estudo unha alternativa “ao emprego precario”. 

Isto leva a Cruz a pór o foco na “función vital” que xoga a EPA no sistema educativo, xa que “a pesar de que son moitos” os que abandonan, tamén moitos acadan neste centro unha formación que lles abre tanto portas no ámbito laboral, como a posibilidade de continuar os seus estudos, sendo a formación profesional “a principal opción dos seus egresados”. Fano, como lembra Cruz, a pesar das “dificultades para acadar o éxito académico” que supoñen unha serie de “condicionantes sociais, culturais e económicos que non lles favorecen para avanzar nos seus estudos”. Neste punto, o investigador subliña que “o principal preditor do rendemento académico” en calquera nivel educativo atópase “na contorna do alumnado”, de tal xeito que unha “posición económica precaria, que obriga a compaxinar os estudos cun traballo” pode favorecer o abandono dos estudos, pero tamén “unha familia que non lle dá valor á educación” ou unha “contorna social carente de referentes académicos nos que apoiarse”. A estes factores, explica, poden sumarse “problemas académicos relacionados con necesidades educativas ou situacións escolares traumáticas, como o acoso escolar”, contribuíndo a que o alumnado chegue a EPA “cunha mochila ás costas da que non sempre se consigue desprender”, recoñece Cruz. 

Unha falta de medios “especialmente grave”

“A educación de adultos é unha das grandes esquecidas do sistema educativo español, pese á súa importancia estratéxica”, subliña o autor desta tese, que pon o foco na necesidade de proporcionar a este tipo de centros as “dotacións, principalmente de persoal, necesarias para poder ofrecer a cada alumno unha atención acorde ás súas necesidades”. Non en van, engade, “tanto pola súa posición periférica no sistema educativo como polas características do seu alumnado, esta falta de medios resulta especialmente grave”. 

Como exemplo desta situación, sinala o feito de que o Departamento de Orientación da EPA, que fai “un labor extraordinario na orientación académica e laboral de cara a escoller a mellor opción tras finalizar os estudos”, estea formado por unha soa persoa, o que lle impide asumir outras funcións relacionadas coas necesidades dun estudantado marcado en boa medida polo fracaso e abandono escolar previo. Por outra banda, esta “falta de medios” leva ao investigador a pór o foco no labor dos seus profesionais, xa que outro dos resultados do estudo é que o alumnado percibe maioritariamente o centro “como un lugar que aprecian, ao que lle agradecen a oportunidade brindada e que valoran positivamente”.