DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Facultade de Bioloxía Emilio Rolán coordina este proxecto

Un estudo consta que o nivel de coñecemento da teoría evolutiva entre o alumnado universitario é moi baixo

Avaliaron estudantes de 3º de Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa de dez campus españois

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/09/2020

Ao alumnado universitario presupónselle certo nivel de coñecemento e aceptación da teoría evolutiva. Pero un estudo nacional, coordinado polo profesor da UVigo Emilio Rolán, acaba de constatar que non sempre é así. Tras avaliar estudantes de terceiro curso dos graos de Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa de dez universidades españolas, os expertos sosteñen que, mentres o nivel de aceptación é alto, “o nivel de coñecemento é moi baixo”. Isto, para o catedrático do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía da UVigo e investigador do Centro de Investigación Mariña “supón a constatación dun fallo en todo o sistema educativo español, dende a ensinanza primaria ata a universitaria e suxire que non se resolve solo con ter máis ou menos horas nunha materia concreta, senón que todas as materias deberían nuclear parte do seu contido cun enfoque evolutivo”. 

O docente da Facultade de Bioloxía viguesa pilotou este estudo analizando a situación en dez campus e, segundo explica, os datos obtidos demostran melloras na comprensión en aquelas universidades onde máis cantidade dos contidos versan sobre evolución. “A teoría da evolución é un aspecto teórico clave no noso grao, de igual xeito que o é na cultura científica e filosófica das nosas sociedades, cun impacto absoluto na forma de ver e interpretar o mundo moderno”. Non obstante, recoñece, “non somos capaces de transmitir e ensinar isto aos nosos alumnos”, láiase Rolán e, sen a base de coñecementos que supón a teoría da evolución, apunta “sería difícil entender que é un xenoma ou como é que todos os seres vivos somos parentes máis ou menos afastados”. É por isto que os docentes da materia de Evolución en primeiro de Bioloxía “nos frustramos todos os anos ao constatar un nivel tan baixo de comprensión de aspectos básicos de dita teoría entre o noso alumnado”. 

Un estudo que nace da experiencia

Emilio Rolán, ademais da bagaxe como profesor da Facultade de Bioloxía, ten desenvolvido experiencias docentes con alumnos de ESO no IES República Oriental de Uruguai de Vigo). A través destes proxectos puido constar “que a evolución non forma parte do coñecemento obrigatorio impartido na ensinanza preuniversitaria en ningún nivel, e isto é un problema moi grave que predispón a que o alumnado entre na universidade sen ningún coñecemento robusto sobre dita teoría”. 

A partir desta experiencia, e xunto con outros docentes que imparten a materia de evolución, decidiron poñerse mans a obra para analizar a situación e buscar solución. Comezaron por “estudar formalmente o grao de analfabetismo evolutivo existente na elite dos estudantes españois, é dicir, no nivel universitario”. O que buscaban era atopar o problema e denuncialo ante a sociedade para tratar de poder reverter a situación.

Uns resultados esperables, outros non tanto

Para comezar o proxecto, os docentes deseñaron un estudo que implicaba seleccionar catro graos (Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa) impartidos en case todas as universidades españolas e realizar enquisas ao seu alumnado a través de GoogleForm. A través da Sociedad Española de Biología Evolutiva solicitaron a colaboración doutros docentes dispostos en cadansúa universidade a desprazarse a unha clase de 3º destes catro graos para contactar co alumado e propoñerlles a enquisa. Finalmente foron dez as universidades implicadas e “ademais estudamos unha mostra de profesores de dúas universidades”.

Os resultados, relata o catedrático Emilio Rolán, “foron os esperables nalgúns temas e non tan esperables noutros”. Por unha banda, explica que o nivel de aceptación da teoría evolutiva en estudantes universitarios españois foi alto. De feito, os poucos estudos que existen en Europa, sitúan o alumnado español, xunto co alemán, entre os que teñen amosan maior aceptación. “Isto era esperado, dado que xa na década de 1990 se suxería que os problemas de aceptación non afectaban aos países europeos”, apunta o docente. Pola contra, o nivel de coñecemento resultou ser baixo. Mentres Bioloxía acadaba “apenas o aprobado”, o resto dos graos “suspendían, aínda que con valores semellantes”. Segundo Rolán, isto significa que “cursar tres anos de Bioloxía non lles dá aos estudantes un armazón o suficientemente robusto para destacar en aspectos básicos dunha teoría clave do seu ámbito. Isto non é o esperado nin o desexado”. 

Por outra banda, os resultados amosaron que os estudantes con maior interese por temas relixiosos “presentaban unha redución moderada dun 8%  do seu nivel de aceptación”, cando en EEUU a rolda o 20%. Finalmente, o estudo tamén resultados similares, pero non idénticos, nas dez universidades participantes. As diferenzas poderíanse explicar segundo Rolán, en parte, polo nivel de material evolutivo incluído nos seus plans de estudo. “Isto non sei se era esperable pero, dende logo, é moi desexables, pois suxire que o que impartimos ten un impacto no seu coñecemento”.

Que facer?

Fronte a esta situación o catedrático da UVigo urxe tomar decisións. “A solución é complexa e non se resolve dun ano para outro”, relata, pero tamén aposta por certas medidas como un “cambio radical” da materia que se imparte de bioloxía dende Primaria ata Bacharelato. “Nestes momento hai un exceso de información e materia non importante e, non obstante, non se dan os coñecementos nucleares que permiten unha comprensión mínima da evolución”, remarca Rolán. 

Ademais, os resultados do estudo tamén sinalan ao profesorado, que tanto na etapa previa como na universitaria, “ten un coñecemento moi deficiente da evolución”. Na súa opinión “habería que comezar por retocar os currículos de Primaria, Secundaria e Bacharelato e, logo, xa o cambio continuaría só” e fai un chamamento “a calquera político con influencia para facer chegar esta demanda ás instancias relevantes para propiciar calquera cambio”.