DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Levado a cabo xunto con investigadores das universidades de León, Complutense e Isabel I

Un estudo deseñado na UVigo alerta das consecuencias para a saúde de impedir a actividade física durante un confinamento

Permitiu constatar tamén os seus efectos negativos nos benestar e na calidade do sono

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/11/2020

“Impedir a práctica de actividade física durante un confinamento ten consecuencias negativas para a saúde da poboación, e este impacto é de moita maior magnitude naquelas persoas que no seu día a día son fisicamente activas”. Esta é, como salienta o investigador do grupo Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Ayán, a principal conclusión do estudo que levou a cabo xunto con docentes das universidades de León, Complutense de Madrid e Isabel I, co obxectivo de coñecer o impacto do confinamento provocado pola covid-19 nos niveis de actividade física e de benestar, no risco de sufrir desordes alimenticios e na calidade do sono.

Os resultados deste estudo, deseñado por Ayán e levado a cabo xunto cos investigadores Óscar Martínez de Quel, da Complutense; David Suárez-Iglesias, da Universidad de León, e Marcos López-Flores, da Universidad Isabel I, foron recollidos nun artigo recentemente publicado pola revista do grupo Elsevier Appetite. Nel, analízanse os resultados dunha serie de enquisas realizadas de xeito telemático a unha mostra integrada na súa meirande parte por alumnado universitario e fisicamente activa, que, en termos xerais, presentaba tras 48 días de confinamento domiciliario unha diminución dos seus niveis de actividade física, un aumento de peso e un empeoramento da calidade do sono e do benestar percibido. Neste senso, “a importancia do estudo” radica, como sinala Ayán, en que o impacto do confinamento domiciliario foi “moito máis negativo” naquelas persoas fisicamente activas ao inicio da investigación, o 86% da mostra.

Uns resultados a ter en conta no actual contexto

Unha das conclusións recollidas no artigo publicado por estes catro investigadores é que os datos deste e doutros estudos deberían terse en conta no caso de que, nas próximas semanas ou meses, teñan que decretarse de novo confinamentos domiciliarios. “O estudo xurdiu porque persoalmente pensaba que algunhas medidas tomadas durante o confinamento, como por exemplo impedir a práctica de actividade física ao aire libre, de maneira individual e mantendo a distancia de seguridade, poderían ser contraproducentes”, salienta Ayán. Nese senso, o investigador sinala os efectos negativos para a saúde física e mental que implica un confinamento como algo que, no momento actual, está téndose en conta polos responsables públicos, xa que “pese ás restricións, que cada vez son maiores, permítese a actividade física nas condicións anteriormente mencionadas”.

Peores efectos nas persoas activas

Para coñecer os efectos do confinamento nestes ámbitos, os investigadores realizaron, na primeira semana do estado de alarma, un cuestionario online que responderon preto do 700 persoas, o 74% alumnado universitario. Non obstante, pese a “boa taxa de resposta inicial” acadada por este “estudo pioneiro” só unha terceira parte da mostra completou o cuestionario final, realizado tras 48 días de confinamento, limitando, como recoñece Ayán, algunhas das conclusións extraídas da análise dos datos.

Pese a estas dificultades, a investigación si permitiu constatar en primeiro termo que as e os participantes eran “polo xeral, persoas bastante activas” e tamén como ao final do período de estudo se rexistraba un aumento significativo da porcentaxe de “persoas inactivas”, que pasaba do 13,8% ao 26,6%. Unha segunda análise, “na que comparamos a calidade do sono e os desordes alimenticios, ademais da propia actividade física” permitiu aos investigadores observar “unha clara redución dos niveis de actividade física nas persoas clasificadas como activas antes do confinamento”, un cambio que non se observou, engade este docente, “na parte da mostra que era inactiva”. Do mesmo xeito, se ben houbo “un empeoramento xeneralizado na calidade do sono e nos hábitos alimenticios, foron as persoas inicialmente activas as que experimentaron un impacto máis negativo” nestes eidos.