DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado en colaboración co Museo de Historia Natural de Nova Iork

Un estudo da Universidade demostra que as plantas invasoras contribúen a avivar as pragas de insectos herbívoros

O traballo elaborouse a partir dunha mostraxe de campo realizada durante a primavera de 2015

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 04/03/2019

En 2018, un estudo sobre as ‘100 peores especies exóticas en Europa’ incluía a mimosa (Acacia dealbata) e a uña de gato (Carpobrotus edulis), entre elas, dúas plantas invasoras moi estendidas polo noroeste peninsular e que traen consigo numerosas consecuencias negativas nos ecosistemas autóctonos. Neste contexto, unha nova investigación da Universidade de Vigo e o Museo de Historia Natural de Nova Iork (EE UU) detalla como estas dúas especies incrementan os insectos exóticos e os xeneralistas nativos, o que podería favorecer a expansión de enfermidades mediante insectos vectores.

“Estas plantas exóticas foron introducidas en Europa fai más de un século, non obstante, este é o primeiro artigo que analiza as interaccións entre plantas e insectos herbívoros e os posibles inimigos invertebrados que acumulan”, explicou á Axencia Sinc Jonatan Rodríguez, científico do grupo de Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo que lidera o estudo, publicado na revista Biological Invasions.

O traballo realizárono a partir dunha mostraxe de campo de tres meses durante a primavera de 2015 en cinco piñeirais mixtos, catro matogueiras e nove áreas costeiras. Estas zonas de mostraxe clasificáronse en tres niveis de invasión: baixo, medio e alto, e inspeccionouse de forma detallada a presenza de interaccións das plantas cos insectos herbívoros mediante observacións visuais planta por planta e identificando todas as especies atopadas.

Os resultados demostran que os insectos exóticos están sustentados por plantas introducidas e aumentan a aparición e a variedade destas pragas. “Moitas especies de plantas nativas poden verse ameazadas, tanto as presentes en zonas costeiras –invadidas pola uña de gato- como nas zonas forestais ou próximas a cultivos, invadidas pola mimosa”, advirte Rodríguez.

Aínda que as capacidades invasivas de A. dealbata y C. edulis están ben documentadas, hai pouca información sobre o efecto que producen no caso dos insectos herbívoros. Neste sentido, este estudo recolle que as plantas exóticas triplicaban a presenza de insectos herbívoros en comparación coas plantas nativas. Ademais, as plantas introducidas nas áreas forestais tiñan aproximadamente oito veces máis forza de interacción de especies entre herbívoros e plantas.

Plantas hóspedes dunha bacteria daniña para os cultivos

No traballo tamén rexistraron cando menos catorce especies de plantas que poden ser posibles hóspedes de Xylella fastidiosa –unha bacteria que ameaza a múltiples cultivos- incluíndo dentro delas, dúas exóticas invasoras como Acacia longifolia ou Conyza canadensis.

“Aínda que non probamos a presenza de patóxenos nas plantas, si sabemos que algunhas especies atopadas como as cigarras espumadoras Philaenus spumarius ou Cercopis intermedia son vectores de virus ou bacterias que poden chegar a transmitirse a outras plantas, como é o caso desta bacteria”, advirte o investigador.

Segundo os autores, moitas especies nativas poderían verse ameazadas, xa que a miúdo as invasoras están preto de cultivos ou hortas e favorecen a dispersión de enfermidades. “Poderían verse afectadas moitas con grande interese económico como o a oliveira e a vide”, engade.

Doutra banda, os autores/as do artigo fan tamén un chamamento para que as autoridades competentes creen estratexias de manexo dos ecosistemas que contribúan a restaurar e protexer as áreas nativas para a conservación da biodiversidade.