DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase entre o 3 e o 25 de novembro en Ciencias da Educación e do Deporte

Experiencias de innovación educativa en diferentes eidos reúnense nun ciclo de conferencias

Dirixido a presentar iniciativas concretas ao alumnado de posgrao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 29/10/2021

Do desenvolvemento de investigacións sobre a actividade física das e os escolares, á implantación de novas metodoloxías para a aprendizaxe das matemáticas, pasando polo potencial pedagóxico dos patios ou por como levar a investigación científica ás aulas de infantil. Diferentes experiencias de investigación e innovación no eido educativo reúnense nun ciclo de conferencias promovido polo Máster Interuniversitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Abertas ao público e dirixidas a que o alumnado do mestrado coñeza “experiencias e casos concretos que se están levando a cabo en diferentes áreas curriculares”, como sinala o seu coordinador, Uxío Pérez, este ciclo desenvolverase entre o 3 e o 25 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Organizadas pola comisión académica do mestrado, o segundo ciclo de conferencias Investigación e Innovación en Didácticas Específicas busca nese senso amosar “realidades e experiencias concretas” ao alumnado dun máster que ten como obxectivo proporcionar unha especialización nestes dous ámbitos tanto a graduados e graduadas como a profesionais da docencia.

De como investigar coa infancia a como a infancia pode investigar

Aínda que, como explica Pérez, buscouse “volver á normalidade o máximo posible” e levar a cabo estas actividades de xeito presencial, nos dous casos nos que non foi posible, as conferencias desenvolveranse de xeito virtual e poderán seguirse tanto a través de Campus Remoto como na propia facultade. Ese é o caso do relatorio co que os docentes da Universidade da Coruña Belén Toja e Miguel Ángel González abrirán o ciclo o vindeiro mércores. Baixo o título de Experiencias de investigación en Educación Física, esta actividade centrarase na investigación sobre “alfabetización física” que desenvolven en diferentes centros de ensino galego xunto coa investigadora da facultade do campus pontevedrés Marian Fernández Villarino. “Exporán unha serie de ferramentas de investigación que permiten combinar o cuantitativo e o cualitativo”, sinala esta docente, que incide na importancia deste segundo enfoque á hora de estudar “que é unha educación física de calidade, xa que en moitos dos casos a acción educativa non pode ser analizada con porcentaxes”. 

Tamén na tarde do mércores terá lugar o relatorio Ecosistemas de aprendizaxe, a cargo de Mar Penela, unha arquitecta e docente “que traballa con diferentes centros de ensino para a mellora dos espazos escolares”, como explica a profesora Begoña Paz. Concretamente, esta conferencia porá o foco no labor que desenvolve para a mellora dos patios, pondo de relevo “a importancia destes espazos como un lugar no que se establecen relacións sociais e educativas a moitos niveis”. 

Á semana seguinte, o 8 de novembro, este ciclo acollerá unha conferencia do profesor da Universitat de València José Cantó centrada na “educación científica en idades temperás”, como sinala a profesora María Lorenzo. O obxectivo desta actividade, sinala, é incidir en que nas aulas de Educación Infantil, ademais de innovar, tamén é posible investigar e desenvolver “propostas didácticas, adaptadas as súas ideas e coñecementos previos” que lles permitan “entender e interpretar os fenómenos que acontecen na súa contorna máis próxima”. A xornada completarase cun relatorio virtual da investigadora da Pompeu Fabra Rosa Estopà, especialista en terminoloxía e lexicografía, que, como explica o profesor Carlos Valcárcel, traballa desde hai anos no desenvolvemento de dicionarios con nenos e nenas, tanto electrónicos como en papel. Neste relatorio, Estopà centrarase en concreto no desenvolvemento de dicionarios escolares de ciencia na aula, partindo dos principais contidos do libro que recentemente publicaba sobre esta iniciativa.

Matemáticas e bibliotecas escolares

O 15 de novembro, a especialista en ensinanzas STEAM e en deseño de téxtiles intelixentes Paola Guimeráns porá o foco en como “crear, construír e investigar na biblioteca escolar”. Nesa mesma xornada, a profesora do CEIP Chans-Bembrive Lorena Fernández, presentará a experiencia deste colexio vigués de implantación da metodoloxía ABN para o ensino das matemáticas. Como explica a profesora da facultade Marta Pérez, o obxectivo deste coloquio é achegar ao alumnado “unha experiencia innovadora”, que en lugar do “algoritmo tradicional, moi eficiente desde o punto de vista do tempo, pero quizais non tan bo desde o punto de vista da aprendizaxe significativa”, avogouse polo traballo polos algoritmos ABN, “cos que poténcianse moito as estratexias de cálculo mental e o alumnado entende o que está facendo”. 

Por último, o ciclo péchase o 25 de novembro cun taller dirixido a formar ao alumnado na busca de información e recursos en bases de datos, que será impartido por Silvia Patiño, da Biblioteca Central do campus.
 

Programa do ciclo