DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No simposio internacional ‘Manga in a postdigital environment’, que terá lugar a vindeira semana

Expertos europeos e xaponeses explorarán en Pontevedra a evolución do cómic na sociedade dixital 

Inserido nun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/05/2022

Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio é o principal obxectivo do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación. Con ese obxectivo e no marco dun proxecto seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación, expertos e expertas de diferentes universidades europeas e xaponesas reuniranse a vindeira semana na sede da Vicerreitoría, no simposio internacional Manga in a postdigital environment.

Como explica o seu investigador principal, José Andrés Santiago, este simposio, que constitúe tamén a sexta edición do Foro Internacional de Creación na Fronteira do grupo dx5, é o “evento de peche” dun proxecto que buscaba dar resposta á pregunta “de que significa falar de manga neste mundo postdixital”. Indo máis aló do webcómic ou do cómic dixital, a investigación pon o foco nas transformacións vividas polo “manga como medio nunha era completamente dixital”. Tendo como punto de partida o concepto de “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna, a principal liña de traballo deste proxecto centráse en explorar os cambios que preto de dúas décadas de convivencia coas tecnoloxías dixitais podían ter producido no manga, tanto desde “un punto de vista estético e formal”, como nos propios procesos produtivos. 

Asistencia presencial e virtual

Coa participación como conferenciantes de varios dos expertos e expertas que integran o equipo de traballo do proxecto, este foro internacional desenvolverase o luns 30 e o martes 31 na sede da Vicerreitoría nun “formato híbrido”, que combina as modalidades presencial e virtual. Por unha banda, porque catro dos relatores intervirán a través de videoconferencia e, por outra, porque este foro aberto ao público poderá seguirse a través destas dúas vías. En ambos casos, explica Santiago, será precisa inscrición previa a través do correo grupodx5@uvigo.es.

Da análise formal á conceptual

Doce conferencias, a cargo de investigadores e investigadoras de seis países, integran o programa dun simposio que será inaugurado polo vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e a directora do grupo dx5, Ana Soler. Coa idea de reunir a expertos e expertas que “nos ofrezan unha perspectiva que escape un pouco das liñas de investigación máis abordadas”, o programa deste foro comprende diferentes visións sobre o medio, procedentes tanto de Europa como do propio Xapón, “que abranguen desde os aspectos máis específicos a cuestións máis conceptuais”, como salienta o seu coordinador. 

Nese senso, a primeira xornada abrirase co relatorio que Santiago e a tamén investigadora do grupo dx5 e responsable da xestión do simposio, Tatiana Lameiro, centrarán “no uso das tipografías no manga contemporáneo”. A continuación, Lukas R. A. Wilde, da universidade alemá de Tubinga falará da narrativa, mentres que o investigador da Beykoz University turca Selen Çalik Bedir porá en relación o manga e a realidade virtual. Tamén nesta xornada, Olga Kopylova, da universidade xaponesa de Tohoku, centrará a súa intervención nos modos de publicación destes cómics e Miho Taekuchi, da Seisa Dohto University, porá o foco en como os dispositivos dixitais facilitaron que os autores amateurs puidesen dar a coñecer os seus proxectos. A continuación, a investigadora Dalma Kálovics, do museo do manga Yokote Masuda, analizará como os formatos e deseños estandarizados do cómic xaponés se trasladaron ao ámbito dixital, mentres que Jaqueline Berndt, da Universidade de Estocolmo, proporá na súa conferencia “revisitar os proxenitores do manga desde unha perspectiva postdixital”. Por último, esta primeira xornada pecharase cun relatorio da investigadora da Kyoto Seika University Bon Won Koo sobre “a adaptación do manga ao formato webtoon”.

Xa o martes, Per Israelson, da universidade sueca de Linköping, abordará este medio desde unha perspectiva “poshumansita”, mentres que Stevie Suan, da Hosei University, centrarase na “transnacionalidade” da animación xaponesa. Por último, Nicolle Lamerichs, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ultrecht, abordará o impacto que o desenvolvemento dixital tivo na distribución do manga, e Zoltan Kacsuk dará a coñecer o proxecto de estudo sobre manga e anime a partir de metadatos que levan a cabo na Stuttgart Media University. 

Programa do simposio