DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa contará cun técnico deportivo os martes e mércores deste mes de maio

ExploraCampus convida á comunidade universitaria a practicar a carreira a pé

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 03/05/2021

A Área de Benestar, Saúde e Deporte, dentro do seu programa de actividades deportivas ao aire libre, ExploraCampus, organiza unha nova actividade, desta volta de running saudable. Esta nova iniciativa, que se desenvolverá ao longo do mes de maio, está aberta tanto á comunidade universitaria como a persoas así como as persoas con abono muver.

Trátase dunha aposta por fomentar a práctica da carreira a pé, para o que as persoas inscrita contarán co apoio e asesoramento dun técnico deportivo os martes de 18.30 a 19.30 e os mércores de 13.30h a 14.30h na pista de atletismo do campus. Organizaranse diferentes grupos de distinto tipo e intensidade de actividades como técnica de carreira, rutas pola contorna do Parque Forestal de Beade, programas de iniciación ou preparación para carreiras populares, como 10 quilómetros, media maratón, etc.

Esta actividade é de balde e o punto de encontro para as sesións será a entrada da pista de atletismo do campus olívico. As persoas participantes poden utilizar os vestiarios e as duchas do pavillón e recibirán unha mochila do programa ExploraCampus sempre e cando participen un mínimo de tres veces nesta actividade. 

ExploraCampus, unha opción para facer deporte ao aire libre

O programa ExploraCampus naceu no mes de marzo como unha iniciativa da Área de Benestar, Saúde e Deporte para adaptarse ás novas tendencias que a pandemia marcou no que á actividade física se refire. E é que son moitas as persoas que foron mudando os ximnasios e lugares pechados por outras alternativas ao aire libre, primeiro porque estas instalacións estaban pechadas e, despois, porque o deporte na contorna natural lles achega máis seguridade no que a transmisión do virus se refire. 

Actualmente, dentro deste programa continúan aínda as actividades de rutas a pé, quedando unha cita pendente para o 22 de maio en colaboración con Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, as de orientación, con citas os días 5 e o 26 de maio.