DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inauguración da exposición ‘Mércores’ pecha a programación impulsada polo Campus Crea

Unha exposición articulada con materiais de refugallo pecha unha semana que conectou creatividade e sostibilidade

Reúne as creacións de dez estudantes de Belas Artes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/04/2025

Unha serie de materiais de refugallo e obxectos atopados nas rúas de Pontevedra constitúen a materia prima do conxunto de obras realizadas por dez estudantes de Belas Artes nun obradoiro inserido na programación da Semana CREA. A inauguración no local da asociación Kentada da exposición Mércores, que reúne os resultados dun taller impartido polos investigadores Alejandro Fuertes, Andrea Otero e Julio Catalán, pon peche na tarde deste venres á programación desta Semana da Creatividade. Promovida polo Campus Crea co patrocinio da Deputación de Pontevedra, nesta programación inseríanse un conxunto de conferencias, obradoiros e mesas de debate, que neste 2025 tiveron como eixe temático a sustentabilidade.

Iñigo Barreiro, Lucía Estévez, Sara González, Mónica Lago, Lucía Leirós, Noela Paz, Ismael Prieto, Sara Ricoy, Miriam Rodríguez e Cristina Rus son os dez autores e autoras das obras xurdidas do taller Las hierbas que él arrojó, que nas próximas dúas semanas poderán contemplarse no local de Kentada. Á fronte deste obradoiro situáronse tres investigadores da Facultade de Belas Artes que, desde diferentes perspectivas, centran o seu labor artístico e investigador no reemprego de materiais de refugallo e que constitúen “un magnífico exemplo dunha actitude creativa que prima a sustentabilidade”, como sinalan desde a organización desta Semana CREA.

Neste caso, Otero, Catalán e Fuertes encargáronse de guiar ás e aos participantes nun taller que arrancou este martes cun “paseo pola cidade”, no que foron reunindo unha serie de obxectos cos que logo traballaron nas seguintes xornadas na creación das súas pezas. Tratouse, como recoñece Fuertes, dun proceso “moi libre”, no que “iámolos guiando un pouco e dándolles referentes, a medida que tiñan os materiais e ían creando as obras”. De aí que os resultados finais sexan un conxunto de pezas con temáticas diversas e resultado de “moitos procedementos” de traballo. De feito, aínda que, por mor do punto de partida, haxa unha “tendencia ao tridimensional” no conxunto da mostra, nela insírense tamén “obras moi pictóricas” e propostas que parten desde o traballo con estruturas ata a compilación de pequenos obxectos. 

Os resultados finais insírense nunha exposición á que deron o nome de Mércores, en alusión ao día de recollida de residuos voluminosos, e que á súa vez buscaba promover unha reflexión tanto sobre como “o que, na sociedade de consumo, para uns é lixo, pode ser aproveitado por outros”, sinala Fuertes. Ao mesmo tempo, o taller permitiu afondar na posibilidade que achega o material de refugallo desenvolver proxectos artísticos sen necesidade dun investimento económico.

Peche á Semana Crea 

A inauguración desta exposición, na que participa a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, será tamén o acto de clausura da Semana CREA, que englobou unha decena de actividades en diferentes puntos da cidade. Entre elas atópase o coloquio cos creativos publicitarios Toni Segarra e David Caballero, promovido coa colaboración de Creatividade Galega e desenvolvido na tarde deste xoves no Museo de Pontevedra. Neste mesmo espazo, o mércores tivo lugar unha mesa de debate sobre deseño e inclusión, mentres que a Facultade de Deseño acollía este xoves unha conferencia sobre moda e sustentabilidade, a cargo de Manuel Heredia, director de Sods Estudio. O uso de materiais sustentables na moda foi así mesmo un dos eixes do obradoiro impartido pola deseñadora e investigadora da University of Arts de Londres Elisa Palomino, quen protagonizou tamén unha das conferencias desta Semana CREA.

Baixo o lema de Pensarmos futuros sustentables, nesta programación aberta a toda a cidadanía inseríanse tamén un taller de creación de libros bordados, unha conferencia do artista e profesor da Universidad de Salamanca Carlos Rodríguez-Méndez e un ciclo de cine centrado nas relacións entre o ser humano e os ecosistemas.