DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o pasado 25 de novembro puido visitarse no Edificio de Ferro

A exposición 'Educación en feminino' despídese do campus

Nela visibilízanse mulleres destacadas na historia do ensino

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 04/02/2021

Despois de estar desde o pasado 25 de novembro no campus de Ourense, concretamente na Facultade de Educación e Traballo Social, a mostra Educación en feminino: un paseo pola historia pechouse este mércores pola tarde. Foi cun acto de clausura virtual no que alén de reivindicar a figura das 32 mulleres destacadas na historia no eido do ensino que conforman esta exposición, se lle deu voz ao alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social. Durante as semanas que estivo aberta ao público, a exposición convidaba aos futuros educadores e educadoras que se forman no campus de Ourense a deixar algunha achega escrita suscitada a raíz de ver a exposición e este mércores Xosé Manuel Cid, decano da facultade; a profesora María Victoria Carrera e o responsable de Actividades Culturais do campus, Filemón Rivas, leron algunha desas reflexións na clausura. 

A mostra Educación en feminino: un paseo pola historia está formada por diferentes paneis nos que se presentan ata 32 nomes de educadoras que destacaron ao longo da historia. Hipatia de Alexandría, Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, María Wonenburger, Elisa e Marcela, as irmás Agazzi, Maria Montessori, Mary McLeod, María de Maeztu, Elvira Bao, educadoras da II República, Enriqueta Otero, Antía Cal, Josefina Aldecoa, orientadoras de Preescolar na Casa, Christa McAuliffe, mestras da montaña lucense, Julie Aigner-Clark, Mar Romera, Camino Pereiro, Bibiana Marful, Gey Lagar... son algúns dos nomes incluídos. Os materiais foron realizados o pasado curso académico por alumnado de primeiro do Grao en Mestre ou Mestra de Educación Primaria e do dobre Grao Infantil e Primaria da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo (USC) no marco da materia Teoría e Historia da Educación Escolar. Está previsto que a mostra continúe o seu periplo polos campus de Vigo e Pontevedra.