DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante de Belas Artes Manuel Balsas presenta as súas obras no local de Kentada

Unha exposición explora as posibilidades pictóricas do material de refugallo

A mostra abre unha colaboración entre facultade e asociación para a defensa de TFG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/06/2024

Valéndose de materiais de refugallo atopados en diferentes puntos de Pontevedra, o estudante de Belas Artes Manuel Balsas explora a expansión da pintura máis aló dos límites e técnicas tradicionais do cadro na exposición Romper, pintar, atopar, andar, que na tarde desta venres se inaugura no local da asociación Kentada. Co investigador predoutoral Carlos Fer como comisario, esta mostra abre tamén unha liña de colaboración entre a facultade e esta asociación creada por exalumnos e exalumnas de Belas Artes, que levará a estudantes de Belas Artes a defender neste espazo os seus traballo de fin de grao. Ese é precisamente o caso de Balsas, que nesta xornada presentaba o TFG do que saíron as obras que conforman esta exposición. 

Conformada por unha escolma das pezas que Balsas desenvolveu para o seu proxecto académico, nesta mostra preséntanse un conxunto de obras nas “a pintura reinvéntase, pasando de ser unha técnica confinada a un soporte bidimensional a un acto que involucra obxectos e contronas, desafiando as percepcións convencionais”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición. Como explica este alumno, trátase do resultado dun proceso no que buscou afondar nas posibilidades da pintura “como un fío condutor”, como un medio para conectar unha serie de obxectos que buscaba que “funcionasen como cor ou como formas" e cos que observar "os diálogos que puidesen xurdir entre a materia e a pintura”.

Resultado dun proceso no que buscou afondar en “como podía pintar sen pintura”, Balsas emprega nas súas obras unha serie de obxectos desbotados, o que lle serve tamén para “relacionar a pintura coa realidade material”, explica, nun momento no que “vivimos nun mundo dixitalizado”. Nese senso, as obras que se reúnen nesta exposición parten do “acto de coñecer a cidade e conectar coa realidade matérica que nos rodea”, o que á súa vez deriva nunha “reflexión sobre o consumo” nas sociedades contemporáneas. 

Romper, pintar, atopar, andar inaugurase este venres ás 19.00 horas e verase complementada pola publicación dun pequeno catálogo, realizado no taller de risografía da facultade.