DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Visibiliza mulleres destacadas na historia da ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría

A exposición Exxperimenta en Feminino remata en O Carballiño o seu percorrido por institutos de Ourense e A Coruña

O vindeiro curso académico chegará a outros 17 centros educativos galegos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 09/06/2021

Entre as accións postas en marcha este curso académico polo colectivo Exxperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está unha exposición itinerante destinada a visibilizar mulleres destacadas na historia da ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría. O pasado mes de decembro, a mostra, que tamén leva o nome de Exxperimenta en Feminino, arrancou un percorrido por nove centros educativos das provincias de Ourense e A Coruña, un percorrido que remata agora no IES Nº 1 de O Carballiño facendo un balance moi positivo da iniciativa por parte das súas organizadoras.

A exposición, explican as súas promotoras, conta co patrocino da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e ten como obxectivo último espertar en rapaces e rapazas a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campus STEM. A iniciativa, lembran, puido celebrar este curso académico a súa primeira edición con “normalidade”, xa que no anterior, a declaración da pandemia e a suspensión da actividade escolar impediu a súa continuidade cando acaba de inaugurarse. “Estamos moi satisfeitas coa boa acollida que está tendo. Desde a súa posta en marcha xa tivemos máis de 40 peticións de centros que queren recibila e xa temos completo o seu itinerario para 2021/2022. Igualmente, nas enquisas que realizamos aos centros nos que xa estivo a mostra destacan que lle gusta moito e felicítannos pola iniciativa”, comentan desde a organización.   

No seu periplo neste 2020/2021 pola provincia de Ourense, a mostra estivo na cidade de Ourense no IES Xesús Ferro Couselo, o CPR Plurilingüe La Purísima, o IES Otero Pedrayo e o IES As Lagoas. Ademais fixo parada en O Carballiño (no IES Manuel Chamoso Lamas e no IES Nº 1) e en Verín (no IES Xesús Taboada Chivite). Na provincia de A Coruña estivo no IES Sofía Casanova de Ferrol e no IES A Cachada, de Boiro. Desde Exxperimenta en Feminino agradecen aos centros e docentes implicados a boa acollida dispensada e o feito de que en numerosos casos teñen organizado arredor da mostra actividades vinculadas cos seus contidos, como concursos, xogos, programas de radio ou visitas guiadas, o que contribúe á consecución do seus obxectivos divulgativos. O vindeiro curso académico 2021/2022, indican as responsables do proxecto, a exposición estará noutros 17 centros educativos, en quendas de 15 días en cada un. “Xa temos todo o curso completo. Recibimos 39 solicitudes pero non podemos atendelas todas”, apuntan.

14 referentes

A mostra está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A selección de mulleres da exposición abarca desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Así, a través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no campo da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100 profesoras que participan en Exxperimenta en Feminino”.

Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual da exposición. Trátase de 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia das 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías que forman parte da exposición Exxperimenta en Feminino. Igualmente, na páxina web do proxecto pódense ver os paneis que conforman a mostra.