DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra 'As caras dos libros' poderase visitar na sede de Torrecedeira ata o 28 deste mes

Unha exposición que “faría moi feliz a Carlos Casares”

Recolle máis de 200 cubertas de obras do escritor e da colección Árbore

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
M. Del Río DUVI 31/01/2019

As cubertas dos libros supoñen o primeiro contacto entre o escritor e o lector, antes mesmo de que o propio texto poida tecer cos seus lazos. A través da linguaxe plástica presentan o título da obra e convértense na súa fachada, unha fachada da que se ocupan artistas e profesionais en estreita relación cos autores. Este papel representativo e identitario das portadas dos libros é o que se reivindica na mostra As caras dos libros, que recolle máis dun cento de cubertas, tanto de libros de Carlos Casares como de volumes da colección Árbore. A exposición, que se poderá visitar ata o 28 de febreiro na sede de Torrecedeira da Escola de Enxeñería Industrial, inaugurouse este xoves coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o presidente da Fundación Carlos Casares, Francisco Javier Casares e o secretario da mesma, Gustavo Adolfo Garrido, xunto co director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan E. Pardo.

Con esta exposición, ambas institucións tratan de “homenaxear aos profesionais que fixeron e fan realidade a literatura en lingua galega: escritores, editores, tradutores, deseñadores, ilustradores… e, por suposto, a todos os lectores e lectoras que manteñen viva a súa paixón por un obxecto cultural tan relevante como é o libro galego”. Neste sentido, Francisco Javier Casares, irmán do escritor e presidente da súa fundación, recoñecía que “se estivese aquí, Carlos estaría gañando felicidade, porque era enormemente feliz cos libros: como lector descubrindo mundos a través da lectura; como escritor, deixando nos seus libros os seus mundos vividos e imaxinados; e como editor, vendo nacer libros, vendo como ían crecendo e presentándoos en sociedade”. Pola súa banda, Manuel Reigosa, reitor da Universidade, trasladou o agradecemento á Fundación Carlos Casares “por facernos partícipes desta excelente mostra que ademais nos vai permitir dentro da institución universitaria cubrir varios flancos”. Neste sentido, o reitor explicaba que un dos obxectivos cumpridos é “organizar algo que ten que ver coa cultura e a literatura nunha escola de enxeñaría, porque queremos romper barreiras e que os nosos estudantes teñan unha formación integral e que mellor que facelo cun dos persoeiros cume da cultura galega, como é Carlos Casares”. Por outra banda, subliñou que tamén se trata de “darlle visibilidade” ao campus de Torrecedeira e, finalmente, o reitor tamén destacou que con esta mostra a Universidade se achega á educación secundaria e “agardamos que esta mostra sexa un éxito cos institutos”. 

As caras dos libros reúne unha ampla selección de cubertas das obras de Carlos Casares  xunto con outra escolma, ata agora inédita, da primeira década da colección Árbore de literatura infantil e xuvenil, impulsada por Casares dende a editorial Galaxia en 1988, e codirixida por María Victoria Moreno, David Otero e Antonio García Teijeiro. A través de paneis informativos e vitrinas nas que se mostras as cubertas, a mostra achega ao público dous exemplos relevantes do deseño de cubertas do libro galego nas últimas décadas do século XX e introduce ao visitante “na estrutura e composición do libro, ofrecendo  pinceladas sobre o contexto histórico da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, enmarcada nos tempos da implantación do galego no sistema educativo na década de 1980, para despois deterse no deseño das cubertas dos libros”. Entre outras curiosidades, unha das últimas adquisicións da fundación, unha tradución de A Galiña Azul ao ucraíno, da que se publicaron 250.000 exemplares ou unha portada alternativa para Dios sentado en un sillón azul.

As cubertas na obra de Carlos Casares

A parte da exposición dedica ás cubertas de Casares comprende oito paneis con información detallada sobre os deseños das súas obras, dende Vento ferido (1963) ata as últimas publicacións saídas do prelo en 2017, coincidindo coa celebración das Letras Galegas dedicadas ao escritor. Repásanse arredor dun centro de portadas, cos seus deseñadores ilustradores, tradutores, etc. Paralelamente, os visitante poderán contemplar documentos autógrafos de Carlos Casares nas vitrinas, así como correspondencia sobre a edición, obxectos persoais, recortes de prensa e algunhas cubertas de obras pouco coñecidas do escritor.

As cubertas dos libros da colección Árbore

Polo que respecta á colección Árbore, que celebrou o seu 30 aniversario o ano pasado, a mostra navega polo contexto histórico que propiciou o nacemento da colección. A través de seis paneis e diversos obxectos colocados nas vitrinas, o público pode contemplar a definición e deseño físico da colección, a meirande parte das máis de 100 cubertas da primeira etapa da colección, información sobre os ilustradores e escritores, así como o proceso de deseño mediante as follas de traballo de Manuel Janeiro (deseñador da colección), fotolitos, probas de maquetación, documentación, correspondencia, fichas didácticas para docentes e outras curiosidades. Reserva, tamén, un pequeno apartado para amosar a evolución da colección ata a actualidade.