DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumno de Belas Artes Daniel Cerecedo exhibe en Boiro o seu proxecto ‘Chatroom’

Unha exposición reflexiona sobre a dicotomía público-privado no mundo virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/04/2022

No mundo virtual, os conceptos do real e do verdadeiro “son complexos de discernir e desde a arte podemos sinalalos e criticalos”, salienta o artista e alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Daniel Cerecedo, que presenta nestas semanas na galería La Doce de Boiro Chatroom, un proxecto expositivo no que reflexiona sobre a “dicotomía público-privado”, dous conceptos tamén, sinala, “de difícil distinción no mundo virtual”. Con esa idea, Cerecedo Bretal establece nesta mostra, que pode visitarse ata este sábado 30, un “xogo de reciprocidades visuais entre imaxes presentadas, a colocación dunha serie de obxectos ao longo da galería, e as imaxes “representadas” nas doce pinturas e a peza en vídeo que poden contemplarse nesta exposición. 

Resultado dun proceso que iniciou en 2017, a exposición transforma a galería nun “chatroom”, nunha “sala de conversar”, facendo do espazo unha especie de “meta-habitación”, que contén a súa vez “outra serie de chatrooms representados a través da pintura e do vídeo”, apunta. Nese senso, nove das doce pinturas de pequeno formato que se reúnen nesta mostra representan “distintas estancias interiores, cuxos mobles e obxectos decorativos remiten tanto á cultura popular como ás obras doutros artistas". Á súa vez, no percorrido pola propia exposición o espectador pode atoparse fisicamente con varios dos obxectos reproducidos nos cadros, suscitando deste xeito a dúbida de se pertencen a vivendas reais ou só forman parte dunha montaxe. Ao mesmo tempo, as diferentes imaxes representadas nos cadros preséntanse enmarcadas nunha “mesma interface gráfica de usuario”, que sitúa a súa hipotética procedencia nun sitio web de contidos pornográficos, mentres que a peza en vídeo amosa “unha imaxe capturada desde un punto fixo”, na que pode observarse “un habitáculo cuxa parede remite a unha das pinturas expostas”, á vez que a varias obras de Andy Warhol, á vez que se escoitan uns ruídos "que semellan proceder dunha habitación próxima".

Preguntas sobre “a nosa relación coas tecnoloxías”

“A miña obra caracterizase polo emprego dunha estética que remite e mestura o mundo das pantallas coa historia da arte, tanto clásica como contemporánea”, explica Cerecedo, que a través da combinación de elementos que reúne nesta exposición busca suscitar no espectador unha reflexión en torno a esa dualidades entre o real e virtual, o auténtico e ficticio e o público e privado. “Máis que respostas, co meu traballo pretendo formular preguntas”, recoñece o artista e investigador, que reflexiona nesta mostra sobre “a nosa relación coas novas tecnoloxías”. Deste xeito, esta especie de “meta-habitación” busca estimular un “diálogo coas obras e con nós mesmos”, recoñece Cerecedo, que lembra que o “Chatroom real”, o propio espazo expositivo, fai posible un tipo de interacción diferente ao das contornas dixitais. De aí que se trate, engade, dun proxecto “que ten bastante de situacionista e que penso que cobra máis senso tras o período pandémico”, posto que, entre outras cousas “reivindica o contacto directo, persoal e real”.