DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Desde dentro’ pode verse desde este luns na planta baixa da facultade

Unha exposición reúne as fotografías e curtas realizadas durante o confinamento polo alumnado de CCSS e da Comunicación

Reúne unha selección de traballos realizados para dúas materias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/09/2020

Dar visibilidade ao talento e a creatividade do alumnado e, á súa vez, servir como unha carta de presentación para as e os estudantes que este luns vivían o seu primeiro día na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Estes son dous dos obxectivos que conflúen en Desde dentro. Miradas do confinamento, unha exposición impulsada polos profesores Jorge Lens e Paulino Pérez, que reúne na planta baixa da facultade unha selección de fotografías e vídeos que as e os estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente, realizaron durante o confinamento como traballos para dúas materias. 

“Penso que a exposición por un lado amosa a competencia e a creatividade dos alumnos e, por outro, establece unha especie de vínculo ante a chegada do novo curso”, salienta Lens, que seleccionou para a mostra preto de 80 imaxes e oito series que as e os estudantes realizaron como traballo para a materia Teoría e técnica da fotografía. Reunidas en diferentes lonas, xunto a estas imaxes preséntanse tamén, a través dunha pantalla que as emite de xeito continuado, as curtas que 14 alumnos e alumnas realizaron no marco dos exercicios que Paulino Pérez foi propondo durante o confinamento na materia Tecnoloxía dos medios audiovisuais. “O obxectivo xeral da exposición é darlle visibilidade ao alumnado, amosar que hai talento e creatividade”, salienta Pérez dunha exposición que busca pór o foco no papel da fotografía e do vídeo como ferramenta para expresar emocións e que permanecerá ata decembro a carón da entrada da facultade.

O confinamento desde múltiples miradas

“Era un momento tan especial que pareceume que era bo que dalgún xeito o interiorizasen e intentasen transmitir desde a fotografía as súas inquedanzas e sensacións”, salienta Lens respecto do confinamento, no que propuxo ao alumnado que realizase unha serie fotográfica que reflectise as súas experiencias e visións sobre esta etapa. Dos traballos achegados, Lens realizou unha selección da que destaca a súa “variedade tanto formal como conceptual” e na que se presentan por un lado as series realizadas por oito alumnos e alumnas, así como unha escolma de preto de 80 imaxes dos restantes proxectos, agrupadas en cinco bloques temáticos. “O que destacaría das pezas seleccionadas é que non son nada homoxéneas, hai xente que fixo fotografía construída, quen fixo fotografía documental, xente que tirou máis cara o poema visual, ou que fixo traballos máis realistas...”, apunta o docente. Nese senso, un bloque reúne, baixo o título de Creatividade, aqueles traballos máis simbólicos e froito da experimentación, mentres que no bloque Cara fóra agrúpanse fotografías tomadas desde as ventás e outro grupo céntrase na vida no interior das casas, completando a exposición unha escolma de retratos e unha serie de imaxes sobre entretementos e mascotas.

Curtas sen saír da casa

A exposición complétase coa proxección de 21 curtas realizadas por 14 alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual para os tres exercicios, de carácter voluntario, que Pérez lles propuxo ao longo do confinamento. Estes consistiron en gravar unha receita de cociña, xerar pequenas curtas protagonizadas por peluches ou bonecos e realizar curtas a partires dun traballo de clonación, “no que eles mesmos actúan diante da cámara e se clonan para que apareza en plano varias veces a mesma persoa”. Trátase, como sinala este docente, de pezas de non máis de dous minutos de duración gravadas en moitos casos cunha cámara de fotos ou cun teléfono móbil, “nas que destacan a idea, a orixinalidade e o traballo que supuxeron”. Despois de reunilas nunha canle en Youtube, esta mostra presenta unha selección das pezas “cun mellor resultado final”, que, como sinala Pérez, buscan tamén servir como “un pulo ao alumnado para que siga a facer cousas” e para amosarlles que o que nace como “un simple traballo de clase, se o toman con gañas pode dar lugar a un bo resultado”. 

Premio no FIC Bueu

Outra curta realizada por alumnado de Comunicación Audiovisual, Fermata, foi este sábado un dos traballos premiados na Gala Escolas Galegas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. A curta dirixida polo egresado Julio Freijeiro resultou gañadora do premio á mellor traballo de facultades e escolas de imaxe na gala celebrada o pasado sábado no Centro Social do Mar. A peza, que constituía o traballo de frin de grao de Freijeiro, aborda como as esperanzas do protagonista de "manter a relación cos seus amigos da universidade, esfúmanse tras un verán no que apenas compartiron vivenzas" e foi un dos traballos realizados por alumnado de diferentes niveis educativos, exhibidos na sección Escolas do festival, xunto con Norte, outra peza realizada por alumnado da facultade.