Desenvolvido polo Concello xunto con Taller Abierto e a Universidade de Vigo
Unha exposición reunirá na Casa das Campás os resultados do proxecto ‘Pontevedra Debuxada’
Poderán verse os planos artísticos de tres ilustradoras e os resultados dunha serie de talleres
A sede da Vicerreitoría do campus acollerá no mes de marzo a exposición que permitirá coñecer os resultados do proxecto Pontevedra Debuxada, promovido pola Concello xunto con Taller Abierto e as docentes da Universidade de Vigo Begoña Paz, Iciar Ezquieta e María Covadonga Barreiro, profesoras das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes. Centrado en captar miradas diferentes sobre a cidade e repensar o espazo urbano desde a creatividade, esta iniciativa abrangueu a creación de planos artísticos de Pontevedra por parte das ilustradoras Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Chesire, que este luns presentaban os seus traballos xunto á concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.
A exposición inaugurarase o 5 de marzo na Casa das Campás e recollerá o proceso de traballo e metodoloxía para o deseño duns planos que interpretan o rueiro de Pontevedra desde distintas ópticas, ofrecendo “visións moi persoais da cidade, dende a panorámica ata o cómic”, segundo informou o Concello. Xunto ás obras finais destas tres artistas, a exposición permitirá coñecer tmaén os resultados dunha serie de obradoiros desenvolvidos en outubro e novembro e nos que nenas e nenos crearon as súas propias obras inspirándose no estilo e nos procesos de traballo destas tres artistas. Nese senso, o propósito da exposición, apunta Paz, é pór o foco na vertente “máis didáctica e de transferencia” dun proxecto que combinou a creación artística coa observación da contorna.
