DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de Amnistía Internacional

Unha exposición visibiliza a loita das mulleres afgás polo seu futuro

A mostra está situada na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Democracia
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 02/06/2023

Desde este mércores e ata o 16 de xuño pode verse na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a exposición Elas son a revolución. Trátase dunha mostra de Amnistía Internacional que “recolle a historia de 16 mulleres do país afgá que sofren o perigo de perder os logros que acadaron con grande esforzo nos últimos 20 anos tras a chegada dos talibáns ao poder”.

Segundo lembran desde Amnistía Internacional, o 15 de agosto do 2021 produciuse o asalto ao goberno por parte dos talibáns, o que provocou mudanzas radicais na vida cotiá de toda a poboación. “De modo especial foron as mulleres e nenas as que se enfrontaron a unha limitación dos seus dereitos, como é o acceso á educación, ao emprego, a posibilidade de reunírense ou de expresárense libremente, así como o incremento da violencia contra elas”, advirten. Neste contexto, a entidade indica que “con esta exposición queremos dar a coñecer a súa situación e esixir á comunidade internacional que escoite e faga todo o posible para que recuperen os seus dereitos”.

16 historias

Concretamente, a exposición conta a historia de Manizha Ramizy, profesora adxunta da Universidade de Kabul e defensora dos dereitos humanos; a xornalista Elaha Sahel; a policía Zala Zazai; as exparlamentarias Roshan Sirran e Shukria Barakzai; a xinecóloca Masouda Faizi; a xuíza decana do Tribunal Supremo de Afganistán Fawzia Amini; as activistas Shamail Zarei e Sediqa Mushtaq; a deportista Hafiza Bahmani; a traballadora social Najeeba Baqi; a directora de colexio Maria Kabiri; a escritora Zahra Yagana; a avogada Azam Ahmadi; a artista Nagena Azimi e a compoñente do equipo afgán de robótica Nahid Rahimi. Amnistía Internacional entrevistou a estas 16 mulleres elixidas por ter destacado no seu ámbito laboral "pese ás inmensas dificultades e á ameaza omnipresente da violencia de xénero". "Coas súas propias palabras, estas mulleres describen o que consideran os seus maiores logros e falan dos seus temores para o futuro", sinalan desde a organización da mostra.

Así, a policía Zala Zazai apunta no seu testemuño recollido na exposición como "desde que os talibáns retomaron o poder, a maior parte das mulleres da policía víronse obrigadas a quedarse na casa. Ningunha axente podía acudir ao traballo e moitas tiveron que fuxir polo gran número de ameazas que recibían dos talibáns". "Cando as conversacións de paz comezaron hai dous anos, as mulleres afgás non cesamos de pedir á comunidade internacional que garantise que os dereitos das mulleres quedaban protexidos durante e despois do proceso de paz. Desafortunadamente ninguén nos escoitou", lembra na mostra a xornalista Elaha Sahel.

As súas historias, apuntan desde a organización da mostra, tamén ilustran "a gran contribución que as mulleres poden facer ás súas comunidades, á sociedade e ao seu país cando teñen acceso aos seus dereitos e ao espazo para participar plenamente na vida pública”. “Tendo en canta que Afganistán sofre unha crise humanitaria e de gobernanza de proporcións enormes, resulta incomprensible que un goberno decida excluír activamente a estas e tantas outras mulleres afgás da participación na vida pública á vez que as priva dos seus dereitos humanos”, denuncian desde Amnistía Internacional.