DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fórum celebrou este venres a súa segunda edición

Expouniversitas amosa 36 exemplos de innovación e investigación feitos nas aulas

O seu obxectivo foi visibilizar o traballo feito por alumnado e profesorado de diferentes centros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 01/02/2019

O contaxio dos bocexos entre persoas, os petróglifos na conca fluvial do Barbantiño; que refresco ten máis azucre, cal é a razón de que uns flocos de millos exploten e outros non, que características consideran as e os futuros docentes que debe ter o profesorado de Educación Infantil... Todos estes temas e moitos outros, ata un total de 36, foron presentados este venres en Expouniversitas 2019. Fórum de Innovación e Investigación Universitaria, celebrado no campus de Ourense. O seu obxectivo foi sacar á palestra e valorizar traballos feitos por alumnado e profesorado de diferentes titulacións e fomentar ao mesmo tempo a interdisciplinariedade.

A iniciativa cumpriu a súa segunda edición baixo a coordinación das profesoras e profesores da Facultade de Ciencias da Educación Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal, Xoana Reguera, Isabel Pousada e Miguel Ángel Álvarez. En Expouniversitas, que se desenvolveu en sesións paralelas en diversas aulas do Edificio de Ferro, cada un dos participantes, individualmente ou en grupo, tivo a oportunidade de durante dez minutos expor o seu traballo e interactuar cos membros da comunidade universitaria presentes. En total participaron segundo a organización arredor dun centenar de persoas, principalmente da Facultade de Ciencias da Educación, pero tamén doutros centros do campus, habendo tamén algunha representación dos campus de Vigo e Pontevedra.  

“É importante para o alumnado e tamén para o profesorado presentar estes traballos xerados nas aulas e que teñen unha orientación de innovación, de investigación ou mixta. O que queremos con esta iniciativa é mostrar o que estamos facendo na Universidade. Fanse moitas cousas interesantes e é moi interesante amosalas a outras persoas da comunidade universitaria porque todos aprendemos uns dos outros”, explicou Pedro Membiela. O docente fixo fincapé na importancia de fomentar a difusión e a comunicación das accións que se fan en docencia ligadas á innovación e a investigación, onde, recalcou, “estas cuestións non están tan articuladas como na investigación científica”. Tamén recalcaron desde a organización da cita a importancia de que o alumnado teña neste foro que expor os seus traballos. “É bo que desenvolvan habilidades de comunicación en público porque son habilidades básicas que logo son fundamentais para a vida laboral”, afirmou Pedro Membiela.

Do contaxio dos bocexos aos petróglifos do Barbantiño

Alba Salgado, Irene Villanueva e María Simón son tres alumnas de terceiro curso do Grao en Educación Primaria do campus de Ourense que decidiron participar en Expouniversitas cun traballo realizado na materia de Ciencias Experimentais no que fixeron “un estudo para saber se os bocexos son contaxiosos”. A idea, apuntaron, “empezou nunha aula na que se estaba rifando ao estudantes por bocexar e ocorréusenos investigar se era evitable o contaxio ou non e que factores influían”. O público do foro tivo a oportunidade de ver como a través da exposición a un vídeo de xente bocexando, un texto, unha audición e a presenza das propias estudantes bocexando tiña ou non influencia no contaxio. Recalcando como a mostra non era significativa para poder extrapolar os resultados, no seu traballo detectaron que as mulleres, as persoas maiores e a xuventude eran as máis contaxiables.

Carla Blanco e Tamara Amorín, alumnas de mestrado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, tamén se animaron a achegarse a Ourense por considerar que esta iniciativa “é innovadora, permítenos expor os nosos traballos e o intercambio de coñecementos con outros estudantes e profesorado”. Carla Blanco presentou un proxecto con perspectiva de xénero centrado no cabalo e feito nunha aula de cuarto de Educación Infantil nun colexio. Recalcando como ao longo do proxecto os nenos e nenas “foron moi conscientes do uso da linguaxe inclusiva, que era un dos nosos obxectivos”, salientou como o valor deste traballo é que amosa como “con pequenos proxectos así podemos empezar a facer cambios desde idades máis temperás”. Pola súa banda Tamara Amorín explicou unha investigación que comezou a facer no seu traballo fin de grao e que continúa agora na que se pregunta a estudantes de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Infantil sobre que coñecementos consideran que debe ter unha ou un bo profesor e como consideran que se debe ensinar ciencia en Educación Infantil.

Entre o alumnado participantes doutros centros estiveron Rubén López e Laura Rivera, de cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia do campus de Ourense. No seu caso salientaron como “nós falamos dos petróglifos na conca fluvial do Barbantiño, que é unha zona que ten gran cantidade de petróglifos en comparación con outras e que está pouco estudiada”. Coa súa presentación e amosando tres exemplos principais, quixeron “defender que é unha zona que se debería investigar máis”. Animados por docentes da Facultade de Historia, afrontaron a exposición pública do seu traballo con algo de nervios pero sobre todo con ganas de “explicar un traballo diferente”.

Tamén o profesorado

Na xornada non só o alumando subiu á palestra para expor os seus traballo. Seguindo o mesmo formato que o alumnado, profesorado de diferentes centros tamén o fixo. Nas súas intervención abordaron cuestións como un programa de mentorización profesional para estudantes de Control de Xestión, presentado por profesorado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; exemplos de desenvolvemento de competencias prácticas na materia Desenvolvemento Motor, elaborado por profesorado da Facultade de Ciencias da Educación, ou a investigación arredor dos aceites de oliva galegos feitos con aceites autóctonos, de profesorado da Facultade de Ciencias.