DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro terá lugar o día 6 de febreiro a través do Campus Remoto da UVigo

Expouniversitas convida á comunidade universitaria a pór en valor os seus traballo académicos e investigadores

A cita está organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 15/01/2026

O día 6 de febreiro pola tarde o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Nela alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo pode presentar traballos realizados no marco da programación de grao, posgrao e doutoramento, como traballo fin de estudos, teses ou proxectos de innovación docente.

A organización desta cita, que se celebra só en formato virtual, está a cargo de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente de Pedro Membiela, Isabel Mociño, Sara Vázquez, Katherine Acosta, Ángel Manuel Vázquez, José Benito Vázquez e Mario Dueñas. Expouniversitas leva celebrándose desde o ano 2018 co reto de converterse en punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre os membros da comunidade universitaria interesados en calquera área de coñecemento e en calquera tipo de innovación e investigación. Aínda que aberta ás persoas interesadas, está especialmente dirixida aos membros da comunidade universitaria dos tres campus da UVigo interesados en pór en valor os seus traballos máis interesantes feitos no ámbito académico ou investigador.

Intercambio de experiencias

O día 6, as persoas inscritas exporán, de xeito individual ou en grupo e durante un tempo limitado, os seus traballos, desenvolvéndose o foro en horario de 16.00 a 18.00 h a través do Campus Remoto da UVigo. Co prazo para a presentación de propostas aínda aberto, desde a organización da actividade contan con repetir a cifra das anteriores edicións, situada en arredor de 40 traballos de áreas temáticas moi diversas. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as persoas asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo os que fan outros membros da comunidade universitaria.

Co obxectivo de animar ás persoas interesadas a participar, ben coa presentación de traballos ben como público, entre os beneficios desta actividade desde a súa organización salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras.