DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o 1 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación

Expouniversitas volve á axenda para valorizar os traballos feitos nas aulas do campus

Entre os seus obxectivos tamén está fomentar o diálogo entre áreas de coñecemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/01/2019

O pasado curso académico profesorado da Facultade de Ciencias da Educación puxo en marcha Expouniversitas. Fórum de Innovación e Investigación Universitaria co obxectivo de sacar á palestra e valorizar traballos feitos por alumnado e profesorado das diferentes titulacións do campus e fomentar ao mesmo tempo a interdisciplinariedade, o diálogo entre áreas diversas. O día 1 de febreiro a cita celebrará a súa segunda edición co obxectivo de consolidar e ampliar a participación dos membros da comunidade universitaria ourensá acadada na súa primeira edición.

A importancia da difusión

Expouniversitas 2019, explican desde a súa organización, preséntase como un evento onde grupos ou alumnado de maneira individual e tamén profesorado pode amosar traballos feitos no marco da actividade académica das diferentes materias. Dado a data de celebración, tratarase principalmente de visibilizar traballos realizados no primeiro cuadrimestre deste curso académico. “Teremos a oportunidade de ver cousas interesantes que estamos facendo ou fixemos nas nosas aulas universitarias”, comentan as e os promotores da iniciativa, que lembran como na primeira edición, a pesar de ser unha primeira experiencia, se presentaron arredor de 50 traballos e participou un centenar de persoas.

Posta en marcha polas profesoras e profesores de Ciencias da Educación Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal e Xoana Reguera, nesta edición únense á organización de Expouniversitas Isabel Pousada e Miguel Ángel Álvarez. A idea de crear este foro, explica o profesorado implicado na iniciativa, “xurdiu ao ver como habendo cousas interesantes en moitos dos traballos que fan alumnado e profesorado nas aulas, non son coñecidas fóra do ámbito da materia”. Fronte a esta realidade, subliñan que “é moi importante facer difusión destes traballos, tanto para os propios autores e autoras como para o resto da comunidade universitaria, xa que aprendemos todos, uns de outros”. Así, fan fincapé en como “é moi importante difundir as innovacións e investigacións, pois o intercambio axuda a mellorar o noso coñecemento e as nosas accións”.

Todo tipo de traballos

Todas as actividades Expouniversitas, subliñan desde a organización, son de asistencia libre, xa que pretende ser “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas desde calquera ámbito en calquera tipo de innovación e/ou investigación”, buscándose a maior participación posible de membros da comunidade universitaria. Así, o envío de propostas está aberto ata unha semana antes da celebración da cita, “admitíndose calquera tipo de traballo sobre calquera temática desde os máis variados ámbitos (interdisciplinar ou transversal, científico, tecnolóxico, humanístico, educativo, social, xurídico, económico-empresarial, de saúde ou artístico)”. Tamén se subliña como o foro está aberto a todo tipo de traballo, como proxectos científicos ou tecnolóxicos, actividades, vídeos, relatos, poesías, cancións, banda deseñada, debuxos, etc. Todos os traballos aceptados serán presentados o día 1 nas aulas que se habilitará para o foro no edificio de Ferro.