Alumnado das dúas universidades comparte unha semana de actividades
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra unha nova edición do seu seminario anual coa HTW Saar de Alemaña
O tema de traballo é os produtos turísticos rexionais
Un ano máis, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra esta semana unha nova edición do seu seminario anual ou ‘joint seminar’ coa universidade Saarland University of Applied Sciences (HTW Saar), de Saarbrücken, Alemaña. Alumnado das dúas universidades comparten actividades académicas e lúdicas, desde visitas guiadas ata sesións en aula, tendo como eixe de traballo o turismo, concretamente os produtos turísticos rexionais.
A programación arrancou coa benvida este luns a cargo de Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Elena Rapoport Strizhevskaia, vicedecana de Relacións Internacionais e Innovación do centro. Sobre esta iniciativa destacaron a dilatada traxectoria de colaboración internacional coa HTW Saar e a importancia de que o alumnado da súa facultade, neste caso o do Grao de Turismo, participe activamente en iniciativas que lles permitan practicar idiomas, compartir experiencias e coñecementos con alumnado doutras universidades estranxeiras e coñecer como se enfoca a súa área de estudo noutros países. Pola parte alemá, o seminario está organizado como cada ano por Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar.
A actividade deste ano, que se prolongará ata o venres, leva por título Xestión cultural e turismo: o poder dos produtos rexionais e nela o estudantado traballará conxuntamente en equipos interculturais. A programación combina clases, traballo en grupo, investigación aplicada, traballo de campo, excursións e presentacións finais, utilizando o inglés como lingua de traballo. Ao longo da semana, o alumnado analizará como a cultura e os produtos rexionais poden contribuír ao desenvolvemento turístico e á calidade de vida, traballando sobre casos relacionados coa gastronomía, a moda, a peregrinación, a música, os souvenirs e o termalismo. O programa inclúe traballo de campo en Ourense e Santiago de Compostela, así como unha excursión pola provincia cunha visita a unha panadaría local, un tramo do Camiño de Santiago e ao Mosteiro de Oseira.
Complementando esta relación coa HTW Saar, habitualmente cara o mes de xuño, alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus viaxa á universidade alemá para repetir alí a experiencia deste seminario internacional.
