DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns recaen en catro estudantes do centro

A Facultade de Ciencias premia os seus mellores traballos fin de grao e a mellor fotografía sobre enxeñaría agraria

Serán entregados no seu acto de graduación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Académica
DUVI Ourense 23/06/2022

Cada ano, aproveitando a celebración do acto de graduación do seu alumnado, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense entrega os seus premios aos mellores traballos fin de grao (TFG) nas súas tres titulacións, que son Enxeñaría Agraria, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais. Este ano entrega ademais o galardón á mellor fotografía sobre enxeñaría agraria dun certame organizado co gallo do patrón do centro. O alumnado premiado é Rubén González, Andrea Parente, Laura Gallego e Xian Faro.

Das termas aos funxicidas

En cada un dos tres graos da facultade concédese un galardón ao mellor TFG. O Premio do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao mellor traballo fin de Grao en Enxeñaría Agraria recaeu nesta edición en Rubén González, polo TFG titulado Aproveitamento xeotérmico para espazo termal de uso lúdico: Burga do Muíño, Ourense, realizado baixo a dirección dos profesores Pedro Araújo e José Ángel Cid. Nel, o xa egresado propuxo un aproveitamento lúdico durante todo o ano deste espazo termal ourensán a través de pozas cubertas, aproveitamento reproducible noutras termas con problemática similares de inundacións. O traballo xa foi distinguido anteriormente nos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados por Viaqua, no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

O Premio Dra. Julia Franco da Facultade de Ciencias ao mellor traballo fin de Grao en Ciencias Ambientais recaeu en Andrea Parente, polo seu estudo Contribución da biomasa senescente de Pinus sylvestris á transferencia de Hg atmosférico ao solo, realizado baixo a dirección dos profesores Juan Carlos Nóvoa e Melissa Méndez. Nel avalíase o papel da vexetación forestal na transferencia ao solo de mercurio (Hg), “un contaminante global, de interese prioritario”. En concreto, fíxose un seguimento da súa deposición a través da caída do material senescente (acículas, pequenas ramas, cortiza e misceláneas) nunha parcela de P. sylvestris localizada na zona de A Cañiza ao longo dun ano. O estudo confirma que un proceso natural, como é a caída de biomasa aérea das árbores unha vez que finaliza a súa actividade fisiolóxica, constitúe un vector de transporte deste contaminante ao solo. Xa no solo, outros compoñentes e mecanismos, recolle o traballo, van ser quen de inmobilizalo durante un certo tempo reducindo os riscos de toxicidade que pode desencadear. Non obstante, engádese no estudo, cambios no uso do solo ou certas actividades silvícolas intensivas poden axudar a mobilizar novamente este Hg e xerar toxicidade na biota do solo e dos ecosistemas acuáticos de auga doce.

No Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, o Premio Dra. Sonia García Falcón ao mellor TFG foi para Laura Gallego, polo seu estudo Modulación do metaboloma de Saccharomyces cerevisiae EC1118™ como resposta á presenza de tetraconazol e docusato sódico, dirixido polas profesoras Elena Martínez e Raquel Rial, do grupo de investigación Food and Health Omics (CF1). Este traballo centrouse na posta a punto da metodoloxía analítica necesaria para estudar os cambios metabólicos que se inducen no lévedo Saccharomyces cerevisiae EC1118™ como resposta á presenza do funxicida tetraconazol e o seu coadxuvante o docusato sódico durante a fermentación alcohólica. Nel realizáronse ensaios a escala de laboratorio e optimizouse un protocolo de extracción para a análise metabolómica non dirixida. “A loita química con funxicidas é unha das técnicas máis empregadas polo sector vitivinícola para coidar a saúde dos viñedos polo que resulta moi importante estudar o efecto que ditas substancias poden ter no metabolismo secundario dos lévedos e as súas repercusións no aroma final do viño”, recolle o estudo, que se enmarca dentro dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación en 2019 a través do programa Retos de Investigación.

Premio de fotografía

Por último, no acto de graduación que se celebra este xoves pola tarde no campus de Ourense, a Facultade de Ciencias entregará o premio do seu certame de fotografía no eido da enxeñaría agraria, convocado este ano co gallo do seu patrón San Isidro co obxectivo de visibilizar a relevancia desta área e do Grao en Enxeñaría Agraria que se imparte nesta facultade. O premio á mellor imaxe foi para o alumno Xian Faro, por unha fotografía protagonizada por unha abella e acompañada do texto: "axudar a quen te axuda, querer a quen te coida. Traballar en conxunto (a salvación dos polinizadores, en medio dunha crise climática e un colapso biolóxico, é unha das tarefas esenciais para asegurar a propia salvación e soberanía alimentaria humana)".