Coa participación do xefe de desenvolvemento e a directora de comunicación de Ficción Producciones
A Facultade de Comunicación acolle unha presentación de ‘Me has robado el corazón’
Producida por Ficción Producciones para Sony Pictures, a longametraxe Me has robado el corazón preséntase na tarde deste martes no Museo de Pontevedra, nun acto que se viu precedido pola proxección e coloquio desenvolvido na mañá deste martes na Facultade de Comunicación. Este encontro contou coa participación do responsable da idea orixinal do filme, Alberto Arruty, xefe de desenvolvemento de Ficción Producciones, e da súa directora de comunicación, Julia Sánchez. Deste xeito, este encontro permitiu o estudantado tanto coñecer esta “comedia romantica con toques de road movie”, dirixida por Chus Gutiérrez, como conversar sobre as diferentes fases do proceso de desenvolvemento dunha película. A actividade foi presentada polo vicedecano Paulino Pérez, quen destacou o positivo deste tipo de iniciativas á hora de “facilitar un contacto directo” do alumnado con profesionais do sector.
