DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada neste centro do campus pontevedrés

Facultade de Comunicación e Colexio de Xornalistas exploran vías de colaboración

En ámbitos como a formación das e dos profesionais ou o impulso da alfabetización mediática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 24/04/2025

As decanas da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Belén Regueira, mantiñan nas últimas horas unha xuntanza dirixida a explorar vías de colaboración en ámbitos como o deseño de propostas formativas que poidan dar resposta ás demandas das e dos profesionais do sector. “Sen impartir nós estudos de xornalismo, si que existen moitos puntos en común e moitas liñas transversais de formación nas que podemos contribuír”, salientou Torres tras esta primeira reunión coa nova directiva do CPXG, na que participou tamén a membro da xunta de goberno do colexio Natalia Puga. 

No encontro celebrado neste centro do campus pontevedrés, as representantes do CPXG trasladaron o seu interese pola futura posta en marcha das microcredenciais, programas formativos de curta duración dirixidos a unha poboación adulta. Estes, como sinala Torres, poden supor “unha posibilidade moi interesante, posto que os profesionais do sector do xornalismo demandan formación e actualización” e este tipo de iniciativas permitirían “que desde as universidades públicas se faciliten recursos formativos accesibles, competitivos e de calidade”. Nesa mesma liña, Regueira salientou que “é necesario que a universidade pública dea resposta ás necesidades de formación dos e das profesionais da comunicación en activo, coa flexibilidade necesaria e permitindo a reciclaxe nun sector en continua transformación”. 

Tras esta reunión, sinalou Torres, o obxectivo “é manter un fío directo”, que permita á facultade “saber que demanda o sector exactamente” en materia formativa, pero tamén que o CPXG poida coñecer “os procesos formativos” das e dos profesionais que se forman no Grao en Comunicación Audiovisual e que poderían ser futuras e futuros colexiados. Regueira, pola súa banda, destacou que o Colexio de Xornalistas “tamén representa os comunicadores audiovisuais que realizan labores informativos e é importante dar a coñecer ao estudantado as entidades que defenden os seus dereitos como profesionais”.

Interese polas investigacións que se desenvolven na UVigo

Outra das cuestións abordadas neste encontro foron as investigacións sobre desinformación, noticias falsas e verificación de datos que desenvolven os grupos CP2 e Sepcom da facultade. Trátase, como sinala Torres, dun aspecto “que interesa especialmente ao colexio”, tanto desde o punto de vista da propia investigación, “como da formación e da reivindicación social respecto desta problemática”. De feito, outro dos “puntos en común” resaltados nesta xuntanza é na necesidade de potenciación da “formación en alfabetización dixital”, nomeadamente do estudantado de secundaria, un aspecto, lembrou, “moi importante no momento actual”. O xornalismo, subliñou Regueira, “ten que adoptar un papel proactivo na loita contra a desinformación e na defensa da función social dos informadores”.

Desde a facultade comprometéronse tamén á divulgar entre o alumnado de Comunicación Audiovisual a Bolsa Nacho Mirás para Xornalistas Noveis, dotada con 6000 euros, co obxectivo de potenciar a participación do alumnado nunha convocatoria que permítelles, lembrou Torres, “optar a un financiamento co que desenvolver proxectos”.