DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Fernández Areal faleceu este venres, aos 95 anos de idade

A Facultade de Comunicación despide o seu primeiro decano

Foi profesor emérito da UVigo ata no ano 2010

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/01/2026

A Universidade de Vigo recibiu cun fondo pesar o pasamento do que fora o primeiro decano da actual Facultade de Comunicación, Manuel Fernández Areal, falecido este venres aos 95 anos de idade. Xornalista e doutor en Dereito, Fernández Areal desenvolveu unha ampla traxectoria nos medios de comunicación, así como no eido académico. Procedente da Universidad de La Laguna, no ano 1994 converteuse no primeiro decano da por aquel entón denominada Facultade de Ciencias Sociais, tomando o relevo de Alejandro Pizarroso Quintero, que fora nomeado decano comisario para a posta en marcha do centro. Con motivo da súa xubilación, no ano 2000, Fernández Areal foi nomeado profesor emérito da Universidade de Vigo, o que permitiu que continuase vinculado á institución académica dez anos máis.

“É unha perda que nos apena moito”, recoñece a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, que lembra que, como primeiro decano, Fernández Areal “puxo as bases da facultade e fixo un traballo fundamental na configuración dun equipo de docentes e no deseño dun perfil formativo, o de comunicadores polivalentes, que hoxe en día é o tipo de formación que se está a demandar”. Nese senso, Torres destaca a implicación dun profesional do xornalismo “cos estudos específicos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual”, así como a súa “capacidade de crear equipo e facer crecer á facultade”, que se sumaban á súa faceta de “excelente profesor de Dereito da Información”. Primeiro catedrático galego en Ciencias da Información, a facultade recoñecera a súa traxectoria no ano 2008, outorgándolle a insignia de ouro do centro.

Nacido en Ferrol en 1930, Fernández Areal desenvolveu unha extensa traxectoria no eido do xornalismo, ao longo da que foi director dos diarios Segre, de Lleida, e Diario Regional, de Valladolid, así como dos semanarios La Actualidad Española e Mundo Internacional. Foi tamén presidente da Sociedad Española de Periodística e autor dunha trintena de libros, entre os que figuran títulos como La libertad de prensa en España (1938-1971), Introducción al derecho de la información ou El derecho a la información, así como de centos de artigos en revistas académicas dos eidos da comunicación e o dereito.