DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudante do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, acadou un bronce nos xogos de París

A Facultade de Comunicación recoñece a Diego Domínguez por ter levado o nome da UVigo a un podio olímpico

Cunha recepción e convidándoo a asinar no libro de honra do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 02/10/2024

“Realmente, cando queremos algo de verdade, podemos conseguilo”. Esta foi unha das mensaxes que o medallista olímpico e estudante da Facultade de Comunicación trasladou aos seus compañeiros e compañeiras no acto promovido este mércores polo centro para felicitalo polo bronce acadado o pasado mes de agosto nos Xogos Olímpicos de París. “Eu quería esta medalla olímpica por riba de todo, e cando ese é o teu maior obxectivo na vida, non dubidas nin un pouco”, sinalaba Domínguez, quen previamente asinaba no libro de honra na facultade. “Non queríamos deixae pasar a oportunidade de darlle as grazas a Diego por levar moi alto o nome da Universidade de Vigo”, sinalou a decana, Emma Torres, ao inicio dun “acto familiar” no que interveu tamén a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda.

Natural de Madrid e piragüista do Breogán do Grove, Domínguez lograba en París a medalla de bronce na proba de C2 500 metros, xunto co mallorquino Joan Antoni Moreno. Facíao, na súa primeira participación nuns xogos, poucos meses despois de lograr a medalla de prata no Campionato do Mundo disputado en Hungría, un resultado que, sumado á súa vitoria previa no selectivo español, convertíaos na embarcación que representaría a España nas olimpíadas. Domínguez e Moreno comezaran a remar xuntos un ano antes, acadando ao pouco tempo a medalla de ouro no mundial sub23, o que animou o estudante da UVigo a trasladarse a Mallorca co obxectivo de continuar adestrando xuntos e acadar a clasificación para os xogos. “Sei que son un alumno difícil, que estou lonxe, pero toda axuda que nos dades é moi agradecida pola nosa parte, porque estades dándonos a opción de poder estudar, de poder prepararnos o futuro”, sinalaba nese senso Domínguez aos seus docentes, nun acto no que recibiu tamén os parabéns dos seus compañeiros e compañeiras. 

O primeiro alumno en asinar no libro de honra

Minutos antes desta recepción, Domínguez convertíase no primeiro alumno da Facultade de Comunicación en asinar no seu libro de honra, nun acto que contou tamén coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. “Estou encantado de poder vivir a Universidade de Vigo desde dentro e de recibir tanto agarimo da súa parte”, escribía Domínguez, que agradecía o apoio brindado desde a facultade e a Universidade e, nomeadamente, polo técnico da Área de Benestar Saúde e Deporte Alexandre Sanjorge. Agradecementos que reiterou Reboreda, tras trasladarlle os parabéns en nome do reitor e do conxunto da Universidade, lembrando que “para acadar estes éxitos, cada un ten que pór o seu gran de area”. 

A vicerreitora sinalou tamén que a UVigo “foi pioneira” á hora de impulsar un regulamento para estudantes deportistas de alto nivel, “un regulamento que ampara determinadas actividades esenciais e que ten que mellorar". De aí que Reboreda solicitase tanto a Diego Domínguez, como o seu irmán Noel, tamén deportista de alto nivel e estudante de Dirección e Xestión Pública, a súa axuda e opinión de cara que “poder dar un paso máis e mellorar” un regulamento “que nos distingue como Universidade e nos fai mellores”.