DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 2ª edición da convocatoria premiará todas as candidaturas que acaden unha determinada puntuación

A Facultade de Filoloxía e Tradución, primeiro centro da UVigo que lucirá o Distintivo de Igualdade

Pola seu compromiso e promoción activa e permanente de actividades e políticas neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/09/2021

Na primavera, a Universidade de Vigo lanzou unha iniciativa pioneira en todo o panorama universitario español que ten por obxectivo recoñecer cun distintivo as escolas, facultades e centros de investigación máis igualitarias. Das 11 candidaturas recibidas, o xurado elixiu á Facultade de Filoloxía e Tradución para converterse no primeiro centro da UVigo en lucir esta distinción. Con este selo, a Universidade quere recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, traslada os parabéns de toda a institución académica á FFT “polo seu compromiso e promoción activa e permanente da igualdade” ao tempo que tamén recoñece “o gran labor do resto de facultades, escolas e centros que se presentaron a esta convocatoria polo seu esforzo en traballar en prol da igualdade”. 

A publicación da resolución definitiva da concesión deste galardón esta semana coincide tamén co lanzamento dunha Guía de Boas Prácticas, un documento que nace da análise “das accións presentadas polos once centros que participaron na primeira convocatoria”, como explica Águeda Gómez. Deste xeito, engade, “todas as actividades, achegas e apostas serven así como un manual de como facer as cousas comprometéndose coa igualdade”. De feito, Gómez recalca que a avaliadora externa da primeira convocatoria, “unha persoa cunha moi ampla experiencia neste eido”, quedou “impactada” polo “compromiso indiscutible amosado por todas as escolas e facultades que presentaron a súa candidatura”.

A distinción vai acompañada dunha axuda de 3000€ para que o centro desenvolva políticas de xénero. A Facultade de Filoloxía e Tradución recibirá o seu distintivo nun acto institucional que terá lugar nas vindeiras semanas.

Boas prácticas en igualdade

A guía de Boas Prácticas en Igualdade nace das accións presentadas polos centros ao primeiro Distintivo de Igualdade que, en moitos casos, foron "produto do arranque dunha ou dúas persoas e, noutros casos, dunha aposta colectiva". De toda esa escolma de propostas, este manual destaca algunhas accións que a Unidade de Igualdade quere resaltar como "inspiración para toda a comunidade universitaria". Entre elas, por exemplo, está a incorporación da perspectiva de xénero no sistema de planificación de recursos do persoal investigador como un elemento esencial da evolución e da promoción da carreira; a introdución dos estudos de xénero e da perspectiva de xénero nas liñas de investigación e transferencia de xeito estable no tempo ou a constitución de comisións específicas, grupos de traballo de igualdade permanentes e de novas figuras como a coordinación de igualdade. Nesta guía tamén se recolle como exemplo de boas prácticas a realización de procesos de selección do persoal investigador con perspectiva de xénero con medidas como a corrección das penalizacións por embarazo e por maternidade, a captación de estudantado con perspectiva de xénero ou a elección da autoría feminina como primeira sinatura nos artigos. Outras accións destacadas son a selección paritaria de conferenciantes en congresos e en seminarios, a proposición de mulleres honoris causa na Universidade de Vigo, a realización de campañas e de actividades en datas reivindicativas sinaladas (12F, 8M, 25N) ou a selección horaria de docencia para apoiar o PDI con necesidades de conciliación. 

O documento inclúe tamén unha serie de suxestións xerais de mellora, como medidas concretas de prevención das violencias machistas, nomeadamente sobre acoso sexual e por razón de sexo; accións de promoción da corresponsabilidade e da redución da fenda de coidados, especialmente agravada durante a crise da covid-19 e con efectos preocupantes no desenvolvemento profesional das PDI ou políticas de captación con perspectiva de xénero, tanto nas titulacións masculinizadas coma nas feminizadas. Tamén se recomenda evitar reproducir o chamado «traballo doméstico académico», xa que non só é importante a paridade numérica entre mulleres e homes, senón que tamén cómpre ter en conta as características dos cargos ocupados.