Nas xornadas de formación e emprego da asociación de universidades Atic
As facultades de Comunicación de España analizan no campus o papel dos seus estudos na era da creación de contidos
Nunha serie de mesas que contaron con representantes de RTVE ou Atresmedia
“O que está demandando a sociedade agora mesmo é un consumo de contidos como nunca na historia, tanto no plano informativo, como no do entretemento, no comercial ou no institucional”. Deste xeito puña de relevo a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, a importancia que ten na actualidade o eixe temático das VI Xornadas de formación, innovación e emprego da Asociación de Universidades con Titulacións en Información e Comunicación (Atic). Baixo o título de A era dixital-audiovisual. Formación universitaria para a creación de contidos, este evento patrocinado polo Consello Social da UVigo reúne este xoves e venres 30 decanos e decanas de diferentes universidades españolas neste centro do campus de Pontevedra. Faino co propósito de debater sobre os retos en materia formativa que están a supor os cambios no consumo e produción de contido audiovisual en contacto directo co sector profesional. Con esa idea, as xornadas abranguen unha serie de mesas de debate, nas que participan responsables de RTVE ou Atresmedia e que se suman á celebración da propia asemblea da Atic, asociación que en 2011 tomou o relevo da antiga conferencia de decanos e decanas.
O obxectivo destas xornadas é “reflexionar sobre como estamos formando aos comunicadores e comunicadoras do futuro” e avaliar se esta formación responde “ao que lles demanda o sector profesional”, salientou Torres, que este mes de maio era elixida nova presidenta desta asociación, que reúne 47 universidades públicas e privadas. Este evento de carácter bienal centra cada edición nunha temática concreta e despois de abordar en 2023 “o impacto da intelixencia artificial na formación en comunicación”, desta volta “pareceunos necesario falar de se estamos formando adecuadamente en creación de contido”, salientou Torres. Non en van, lembrou, tanto nos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, como en Xornalismo, “ao final o que tes que formar é xente que xere contidos”.
A “batalla” polo relato
Torres estivo acompañada na inauguración destas xornadas polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o vicepresidente da Atic, Pedro Hellín, da Universidad de Murcia. Tras salientar a decana a importancia da comunicación para o desenvolvemento social, Reigosa lembrou que “a comunicación é poder, e nestes momentos estase a ver en todo o mundo unha batalla moi forte polo relato”. O reitor salientou que “dese relato vai depender cal vai ser o desenvolvemento do futuro”, para recalcar a continuación o papel que comunicación e educación deben xogar como “única receita” para “non percorrer ese camiño nun péndulo cara a extrema dereita no que nos estamos movendo”. De aí que salientase a importancia da temática escollida para estas xornadas e a necesidade de que “a ética estea na comunicación”, de tal xeito que ese relato permita “que creemos unha sociedade sa, fraterna e igualitaria”.
Lantarón, pola súa banda, centrou a súa intervención en presentar aos decanos e decanas o proxecto de especialización Campus Crea e o papel da Facultade de Comunicación dentro deste “campus da creatividade”, á vez que salientou a importancia destas xornadas para “o crecemento das titulacións” que se imparten neste centro.
Creación e consumo audiovisual
Con ese obxectivo de analizar a situación dos estudos de comunicación en contacto directo co sector, o programa destas xornadas abrangue tres mesas de debate abertas ao público. A primeira delas, Creación e distribución de contidos: estratexias dixitais e plataformas emerxentes, puxo o foco “en como as novas tecnoloxías están diversificando” tanto os formatos como os xeitos de consumir contidos audiovisuais, explicou Torres. Este debate reuniu a responsable de distribución e desenvolvemento de Atresplayer, Verónica Polo; o produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco ‘Fosco’, e o responsable de transformación dixital na Dirección de Innovación e Dixital de RTVE, Alejandro Vega.
A segunda mesa estiva centrada na innovación tecnolóxica na produción audiovisual e nos novos formatos, coa participación de Nerea Goikoetxea, CEO de Espada y Santa Cruz Studio, Diego Avendaño, fundador de Avestudio, e Daniel Miracle, membro de Telenoika. Xa na mañá do venres, terá lugar un tecerio debate, que porá o foco na “creación de contidos como profesión”, coa participación de Roberto Carreras, director global de branded content en LLYC; David Garrido, director de contas en Samy Allianice, e a intervención por videoconferencia da influencer Tamara García.
Presentación de Simulacro
Na tarde deste xoves, a actividade continuou cunha presentación dirixida a dar a coñecer aos e ás responsables das diferentes universidades a plataforma de realidade virtual Simulacro, a cargo do vicedecano Oswaldo García. Resultado dun proxecto de innovación docente desenvolvido na facultade, trátase dunha ferramenta que permite simular procesos de produción audiovisual nunha contorna virtual e na que, a través duns lentes de realidade virtual, o alumnado pode desenvolver tarefas de realización, de dirección de fotografía ou de operador de cámara nun plató virtual.
Tras esta presentación, as xornadas trasladan a súa actividades á sede da Vicerreitoría do campus, onde ten lugar o acto institucional de entrega de premios aos mellores traballos de fin de mestrado e teses de doutoramento, así como a propia asemblea da Atic.
Xa na mañá do venres terá lugar a presentación dunha serie de pósters, que permitirán coñecer diferentes estudos sobre formación en creación de contidos, xunto coa presentación do libro académico resultado da anterior edición destas xornadas.
