DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este venres na Facultade de Dereito

Un faladoiro aborda no campus a relación entre criminalidade, fronteiras e inmigración

A iniciativa enmárcase nun proxecto estatal sobre crise política e sistema penal multiescalar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 13/03/2026

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da actividade Faladoiros sobre ciencias penais: criminalidade, fronteiras e inmigración a debate. A actividade estivo dirixida por Virxilio Rodríguez, profesor titular de Dereito Penal da UVigo, e director do Departamento de Dereito Público; e Javier de Vicente Remesal, catedrático emérito de Dereito Penal desta mesma universidade. No encontro participaron as e os profesores Máximo Sozzo, destacado especialista internacional en criminoloxía, e Ana Ballesteros, da Universidade da Coruña; Roberto Dufraix, da Universidad de Tarapacá (Chile); e Natalia Torres, da Universidade de Vigo, sendo o moderador David Castro, axudante doutor de Dereito Penal da UVigo. 

Tendo en conta que o faladoiro quería ofrecer unha “ollada comparativa de distintos escenarios” sobre a temática proposta, na súa intervención, Máximo Sozzo, actualmente investigador Ramón y Cajal da UDC, falou do caso de Arxentina. Nese país, apuntou, “ao longo do tempo foron cambiando as relacións entre o control migratorio e a cuestión do delito e a inseguridade”. Arxentina, dixo, “é un caso bastante particular no contexto internacional porque ten unha lexislación de migración extraordinariamente aberta e progresista, do ano 2004”. Porén, engadiu, “hoxe en día ese esquema normativo sobre control migratorio está sendo dalgún xeito hackeado por un proceso de impulso da criminalización dos migrantes irregulares producido por distintas ondas e xiros políticos ligados fundamentalmente a organizacións políticas da nova dereita”, centrándose na charla en como iso está acontecendo na actualidade baixo o mandato do presidente Milei. O convidado apuntou como “hai moitas peculiarides enraizadas nos contextos e o debate científico entre control migratorio e control do delito ten que dar conta destas peculiaridades, dese enraizamento”.  

No marco do proxecto MultiPLex

O faladoiro realizouse ao abeiro do proxecto estatal liderado desde a Universidade da Coruña e no que participa a Universidade de Vigo Crise política e sistema penal multiescalar (MultiPLex), financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e fondos Feder. MultiPLex está conformado por un amplo equipo de profesorado universitario, especialmente da UDC e da UVigo, tendo como persoal investigador principal a Patricia Faraldo e Xulio Ferreiro (Universidade da Coruña). No caso da Universidade de Vigo participa o profesorado da Área de Dereito Penal David Castro, Natalia Torres e Virxilio Rodríguez.

Sobre a temática do proxecto, desde a súa organización sinalan que “na actualidade, as institucións, regulacións e políticas da UE acadaron un nivel de incidencia sobre os sistemas penais dos estados membros que vai claramente máis alá dos marcos de análise desenvolvidos pola literatura especializada”. Esta situación, detallan, é especialmente acusada no caso de España. “Nun contexto que desborda as perspectivas formalistas da harmonización normativa e das competencias penais da UE, xustifícase a necesidade dun proxecto de investigación como MultiPlex”, apuntan. Segundo explican desde o proxecto, “a crise política actual, provocada por un modelo de gobernanza institucional no que desapareceron os gobernos monocor, combinouse co mantemento duns marcos de inclusión política efectiva moi estreitos e co legalismo que caracteriza a política española para dar lugar a un conxunto de transformacións nos procesos de produción lexislativa, con clara incidencia no ámbito penal e procesual penal: fronte ao modelo de axenda omnicomprensiva do pasado, hoxe prevalece un esquema caracterizado pola modificación concreta, monotemática, de alcance limitado”. Con independencia de cal sexa o seu rendemento electoral, apuntan, “moitas reformas penais convertéronse nun activo político de alto risco, nun contexto de polarización e guerra cultural”.